Un proxecto de Fademur pon en valor o emprendemento feminino no rural: "Se non é polas mulleres, o rural morre"
As mulleres que viven no ámbito rural padecen unha taxa de paro superior aos varóns. Pese a que están sobrecualificadas, isto non repercute no seu acceso ao traballo. No entorno laboral rural, as mulleres soportan un 38,4% de taxa de inactividade fronte ao 15,1% dos homes.
Ademais, as mulleres rurais que si traballan teñen peores condicións, cuns ingresos entre os 400 € e 1.000 € en contratos que adoitan ser temporais, fixos-discontinuos e con xornadas parciais; e ocupando maioritariamente as posicións de base na escala laboral.
Polos motivos expostos, a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur) sinala que as mulleres rurais son máis emprendedoras porque, ás veces, "construír o traballo propio convértese na única saída". De modo que, a pesar de que o empresariado rural tamén é predominantemente masculino, elas supoñen o 23,8% das persoas traballadoras autónomas do rural.
Dende Fademur Galicia, federación integrada por preto de 70 asociacións, son coñecedoras de primeira man dos grandes retos do rural galego: loita contra o despoboamento e o abandono; procura da remuda xeracional e inverter a tendencia ao avellentamento; e promover un desenvolvemento rural sostible social, económica e medioambientalmente.
O seu ámbito de traballo aséntase en dous eixos principais: o fomento do asociacionismo e o emprendemento das mulleres do rural. Neste sentido, están desenvolvendo un programa para poñer en valor este emprendemento feminino. Falamos con Verónica Marcos Arrojo, a presidenta de Fademur Galicia, para coñecer este proxecto e a realidade das mulleres no rural galego.
- En que consiste o proxecto 'Emprendemento sostible: compartindo experiencias'?
É un programa para dar visibilidade a proxectos empresariais ligados ao emprendemento feminino rural. Facemos vídeos que publicamos nas nosas redes e tamén mandamos noticias aos medios coa promoción dos seus produtos, do que fan e como o fan. Damos a coñecer ás protagonistas detrás de distintas empresas impulsadas dende o rural galego.
- Por que é necesario visibilizar o traballo das mulleres do rural?
Porque as mulleres do rural son básicas para loitar contra o despoboamento. Sempre dicimos en Fademur que, se non é polas mulleres, o rural morre. Certo é que tampouco podemos culpalas diso, as mulleres vanse pola falta de servizos, pola falta de traballos dignos, por tantas cousas...
- Cal é o perfil da muller emprendedora no rural?
Estamos a ver un perfil de entre 30 e 50 anos, máis ou menos, a maioría teñen xa fillos e son mulleres moi formadas.
- Pola experiencia das asociadas, cales serían os principais retos aos que se enfrontan as mulleres que emprenden no rural?
O emprendemento no rural é moito máis complicado que noutra zona máis urbanizada. Ti no rural vas ter, se cadra, problemas de conexión a internet, todo iso é unha dificultade.
Ademais, aínda que no rural é máis probable que se dispoña xa do local, acondicionar eses locais é complicado por todas as dificultades para a rehabilitación das vivendas.
Outro escollo é a rede de saneamento e a xestión dos residuos. En moitas zonas do rural non hai alcantarillas, entón; que fas cos teus residuos?
Hai que ter en conta o aspecto social. E é que, se ti vives no rural vas ter, se cadra, dificultades para ter un médico ou unha escola cerca, que cada vez hai menos.
- Que representación teñen os proxectos de emprendemento de mulleres no rural fronte aos liderados por homes?
É difícil de dicir. Nós o dato que temos é que nos concellos de menos de 2.000 habitantes o 52% dos emprendementos son de mulleres.
- O empoderamento das mulleres do rural pasa necesariamente por un fortalecemento das condicións económicas e un modelo de produción circular e sostible?
Vender os teus produtos no teu pobo ou no teu entorno supón tamén xerar economía e postos de traballo. Que ti poidas vender os teus ovos, por exemplo, ao lado do teu pobo ou un pouco máis alá, ao final é mellor para todos. Estamos falando dun produto moito máis sostible, quilómetro cero, de mellor calidade e que ademais dá emprego á muller que o produce. E para iso é básico dar a coñecer estes proxectos, tanto en proximidade como para abrirse a novos mercados.
- Cales son as reaccións a estes primeiros vídeos, tanto das protagonistas como das persoas que os viron?
Sempre temos reaccións boas, dinche: "mira, non coñecía este proxecto e está ao lado da miña casa". Tamén houbo interese por parte de medios de comunicación. Nos vídeos, como se trata de visibilizar o traballo das mulleres, queriamos facer un produto de calidade a través do noso equipo de comunicación e unha xornalista que nos leva as redes, e creo que o conseguimos.
* 'Emprendemento sostible: compartindo experiencias' é un proxecto beneficiario do Plan Social de Ence. Dende Fademur Galicia valoran o apoio da compañía pontevedresa ao emprendemento feminino no medio rural de Galicia, xa que, sen esta axuda, non se podería levar a cabo unha iniciativa que, están seguras, servirá para "potenciar e impulsar o autoemprego no rural galego".