Xa podes reservar unha das 60 prazas dos tres campamentos de verán de Vilagarcía
Por Redacción
A Concellería de Xuventude do Concello de Vilagarcía abre este mércores 29 de maio a inscrición para participar no Naturate, o programa de campamentos urbanos destinados á rapazada de 8 a 12 anos.
O departamento que dirixe Álvaro Carou oferta 60 prazas a repartir entre as modalidades medioambiental, ecoartística e multiaventura, cada unha das cales terá 20 prazas e desenvolverase ao longo dunha quincena dos meses de xullo e agosto.
A participación é de balde e o período para anotarse está aberto ata o 7 de xuño. As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición.
Todas as actividades terán como base o Auditorio e incluirán visitas, excursións e obradoiros ao aire libre a realizar de luns a venres en horario de 9 a 14 horas.
O campamento ecoartístico desenvolverase durante a quincena que vai do 3 ao 16 de xullo. No seu programa destacan os percorridos por diferentes espazos naturais do municipio, un obradoiro de cerámica e outro de elaboración de instrumentos musicais, actividades de animación musical e baile, teatro, maxia , así como visitas á illa de Cortegada e ao Museo do Ferrocarril.
A actividade medioambiental realizarase durante a quincena do 17 ao 31 de xullo e todas as súas actividades gardarán relación coa natureza. Así, os participantes farán un roteiro polo parque da Coca para identificar invertebrados. Tamén visitarán a illa de Cortegada, o monte Xiabre, o Castro Alobre e o Refuxio de Animais de Pinar do Rei e realizarán unha actividade intermareal na praia da Concha-Compostela e outra de temática ornitolóxica de avistamento de aves.
O campamento multiaventura terá lugar do 1 ao 14 de agosto. Nel, a maiores da visita a Cortegada e ao Museo do Ferrocarril, a rapazada realizará diferentes xogos deportivos na praia, carreiras de orientación, busca de tesouros e xeocaching histórico.