Le Petit Meré, unha tenda de roupa infantil de ensoño da que "os nenos non queren marchar"
"Le Petit Meré son eu". Con esta frase e un amplo sorriso, Puri Piñeiro recíbenos na súa tenda de roupa infantil Le Petit Meré - Kids Boutique, na rúa Peregrina, 40, de Pontevedra, xunto á coñecida Fonte dos Nenos.
O enclave non é casual, como todos os elementos que compoñen esta tenda, na que cada detalle ten unha historia detrás.
Empezando polo nome. Puri explica que naceu en Francia, país ao que emigraran os seus pais dende Galicia. Co tempo, instaláronse en Madrid, onde a súa nai montou varias boutiques, e, tras a xubilación, regresaron á súa terra. Meré é o apelido da súa nai e, por iso, Puri, que é filla única, afirma que é "a pequena Meré" ("Le Petit Meré", en francés).
O nome do establecemento tívoo claro dende un principio, igual que o público ao que iría destinada a roupa. Durante algo máis de vinte anos, a traxectoria profesional de Puri estivo vinculada á infancia como profesora de español en Alemaña, país ao que se mudou en 1999. "Para min era moi importante que se divertisen aprendendo o idioma, a miña especialidade eran os nenos con capacidade para estudar pero que necesitaban algún tipo de apoio", comenta Puri.
Esta sensibilidade especial trasládaa a Le Petit Meré, onde "máis que unha tenda de nenos, é un lugar para os nenos", sinala.
Os máis pequenos teñen o seu "espazo seguro e cómodo para gozar mentres a súa familia escolle a roupa". Nesta zona acondicionada con mimo entretéñense coas pinturas de cores, ata tal punto que moitos deles "non queren marchar", engade entre risas Puri. Nestes casos, "deixámoslles un ratiño para rematar e, cando se van, moitas veces regálannos os debuxos, que os imos colgando para que teñan aquí o recordo, e nós dámoslles adhesivos".
O interiorismo da tenda tampouco é casual. "A decoración é un estilo nórdico danés, con cores suaves e liñas claras, represéntanos moito porque vivimos varios anos en Flensburg, que é unha cidade alemá na fronteira con Dinamarca", apunta a emprendedora.
Casualidade ou non, Puri asegura que a localidade xermana é moi parecida a Pontevedra, tanto en número de habitantes como polas súas zonas verdes e de paseo. "A tranquilidade que me dá esta cidade é a que tiña alá, un lugar onde se coñece todo o mundo, moi familiar". Por iso, cando a enfermidade da súa nai levouna a unha residencia en Pontevedra, viu a oportunidade de asentar aquí o seu negocio. "Son filla de emigrantes retornados, a miña familia vén de Caldas de Reis e Santiago, por iso, para min abrir tenda en Pontevedra é tamén volver ás orixes".
Este é o espírito co que atende a unha clientela que, dende a recente apertura o pasado mes de marzo, crece cada día, entre as persoas que repiten e as que acoden por primeira vez grazas ao boca a boca. "Sempre procuramos coñecer ás nosas clientas, ter un trato próximo, atención personalizada, sen présas, que queden satisfeitas".
Puri insiste na importancia deste contacto directo coa xente. Tanto é así, que hai días nos que entrega persoalmente folletos na rúa e aproveita para charlar e presentar a súa orixinal tenda. "A acollida da xente sempre é boa", destaca.
A outra metade de Le Petit Meré é a súa filla Inés Piñeiro. O escaparate é obra súa, para o que se inspirou na paleta de cores da tempada, sempre co deseño nórdico presente e unha gama de cores acorde ás últimas tendencias en moda. "O rosa, o limón e o verde este ano lévanse moito, tanto para as mulleres como para os nenos", confirma. No seu caso, tivo unha experiencia previa en moda, traballando en Alemaña para a firma Tommy Hilfiger, "que é onde aprendín todo, a facer o escaparate e poñer a roupa".
Le Petit Meré ofrece roupa para nenos e nenas de 0 a 14 anos. Dende pezas de vestir clásicas "de domingo ou para cerimonia" ata outro tipo de roupa máis poñible. "Tentamos abarcar os dous estilos, mesmo en prezos, é dicir, que non sexa demasiado caro e que vaian bonitos". Apostan por marcas españolas por un compromiso persoal: "paréceme moi importante fomentar o traballo e a economía da nosa contorna", indica Puri. As firmas Yoedu, Martín Aranda, Dadati e Waterlemon compoñen esta oferta multimarca.
* Le Petit Meré - Kids Boutique atópase na rúa Peregrina, 40, de Pontevedra. Abre de luns a sábado en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:30 horas.