Acuaes e o Concello da Illa de Arousa asinan o convenio para investir 8,5 millóns de euros na nova depuradora
Por Oskar Viéitez
A sociedade mercantil estatal Augas das Concas de España (ACUAES) e o Concello de Illa de Arousa asinaron este luns o convenio para a execución, financiamento e explotación das actuacións de depuración, nas que se van a investir 8,5 millóns de euros.
O acordo foi subscrito no Concello da Illa de Arousa pola presidenta executiva de ACUAES, Rosa Cobo, e o alcalde, Luís Arousa, en presenza do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada.
As obras, que se licitarán este martes e executará Acuaes, consisten na construción dunha nova depuradora, a conexión co emisario, unha acometida eléctrica e a adaptación dos colectores existentes.
A actuación vai ser cofinanciada nun 80 por cento con fondos Next Generation EU, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, mentres que o 20% restante correrá a cargo do Concello.
A depuradora actual, construída fai máis de vinte anos, responde a unha tipoloxía de tratamento fisicoquímico que presenta importantes deficiencias, tanto de capacidade, como de tratamento, de maneira que o efluente depurado non alcanza os requisitos de vertedura de nutrientes, o que ten especial incidencia debido aos requisitos da calidade microbiológica esixidos ás augas do medio receptor, cualificadas como zonas para a cría de moluscos.
En consecuencia, a actuación ten por obxecto a mellora da depuración das augas residuais que se xeran no Concello, posibilitando unhas instalacións que garantan un funcionamento adecuado segundo a normativa vixente.
A nova depuradora está deseñada para 10.000 habitantes equivalentes e ten capacidade para tratar un caudal medio de 2.059 metros cúbicos ao día. O proxecto complétase coa conexión da nova EDAR co tramo terrestre do actual emisario, unha acometida eléctrica e a mellora e adaptación de colectores existentes ata a depuradora.
Os traballos terán un prazo de 24 meses: 18 para a execución das obras e 6 meses para a posta en marcha da nova depuradora.
Unha vez finalizadas as obras e o seu correspondente posta en marcha, o Concello asumirá a xestión da súa explotación, consistente nas tarefas de operación, conservación e mantemento.
Relacionadas:
-
Luz verde ao convenio de Acuaes e A Illa para mellorar o saneamento na ría de Arousa por 8,5 millóns
Por Redacción |
-
O proxecto da nova depuradora na Illa de Arousa custará 8,5 millóns de euros
Por Redacción |
-
Acuaes adxudica a redacción do proxecto dunha nova depuradora na Illa de Arousa
Por Redacción |