Fexdega volverá ser escenario da Romaría das Persoas Maiores
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O sábado 29 de xuño volverá celebrarse unha cita habitual en Vilagarcía: a Romaría de Persoas Maiores no recinto de Fexdega.
A partir deste luns 27 de maio pódense adquirir as entradas que teñen un prezo de 10 euros na concellería de Persoas Maiores do Concello de Vilagarcía, en horario de 09.00 a 13.00 horas.
As persoas interesadas deberán presentar o DNI para a retirada das entradas. É necesario ter 65 anos cumpridos, ser pensionista ou, en caso de prexubilación, cumprir os 55 anos. Se se acode con parella, a persoa acompañante non precisa cumprir con estes requisitos.
A festa está prevista para 550 persoas e contará con música, baile, concursos e gastronomía.
O menú está composto por empanadas de carne e de bacallau, lagostinos cocidos e carne "ao caldeiro" con patacas. As bebidas serán viño branco ou tinto, auga mineral ou refrescos. Tamén haberá doces, café e licores.
Durante este encontro actuarán a Coral Rosalía de Castro e o Coro Virxe da Renda de Combarro. Un DJ tamén amenizará o baile despois da comida cun concurso para os mellores bailaríns.
Ademais, está previsto o sorteo de agasallos por xentileza de Gadis. As persoas asistentes deberán gardar a entrada co número para a rifa.