Un pacto coa Fiscalía salva de ir ao cárcere aos procesados pola 'Operación Abuelo'
Por Redacción
Non houbo sorpresas e este martes, todos os procesados pola Operación Abuelo ratificaron ante o tribunal da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra o acordo alcanzado coa Fiscalía que lles permitirá eludir o cárcere.
Os sete acusados, dedicados profesionalmente á pesca, recoñeceron que adquirían, posuían e almacenaban diverso material explosivo coa finalidade de destinalo ao seu emprego na campaña da sardiña de xuño do 2010.
Todos eles carecían de autorización, xa que é unha práctica ilegal, ao tempo que poñían en risco a seguridade pública.
Este recoñecemento dos feitos supuxo a rebaixa da petición de condena que formula o Ministerio Público que pasa dos cinco anos de prisión solicitados inicialmente aos dous anos.
Os procesados asumiron a pena, que no caso de seis deles (os armadores e patróns de barco) inclúe unha pena de dous anos de inhabilitación para o exercicio da pesca. Ningún chegará a ingresar en prisión.
Os procesados son o subministrador do explosivo, o xubilado de Arbo, José Manuel López Puga; o armador e o patrón do buque "Andreu III" de Vigo, Jorge Sobral Abreu e Jorge Sobral Cabaleiro; o armador e o patrón do "Nuevo Diego David" de Vigo, José Antonio Tizón Ferreira e Diego Tizón Veiga; un armador do Morrazo, José Manuel Graña e o mariñeiro do "Playa de Portonovo", Manuel Soto Freitas.
Tamén estaba acusado, José Jesús Deza Castro, o patrón do "Playa de Portonovo", pero faleceu recentemente.
A operación Abuelo, dirixida polo Xulgado de Instrución número 2 de Cambados, culminou coa maior redada contra o uso indiscriminado de dinamita na pesca de sardiña, na que se incautaron 113 quilos de explosivo en Vigo e Portonovo.