Dez rúas de Pontevedra serán repavimentadas desde este sábado
Por Redacción
A pavimentación de dez rúas da cidade, a partir deste sábado 25 de maio, provocarán cambios na circulación rodada de Pontevedra durante os próximos días.
Trátase dunha actuación impulsada polo departamento municipal de servizos urbanos básicos, que dirixe o edil Xaquín Moreda, para substituír os firmes tras o paso do inverno, no que se viron deteriorados os pavimentos de varias zonas.
A repavimentación consistirá no fresado e asfaltado ben de rúas completas ou ben de treitos de rúas que se atopan en mal estado.
Os traballos comezarán este sábado, de 8 a 13 horas, por Blanco Porto, no tramo entre Cruz Gallástegui e Joaquín Costa; Leiras Pulpeiro, de 11 a 17 horas; e a Avenida de Vigo no tramo entre a ponte sobre Eduardo Pondal e o hotel Galicia Palace, entre as 17 e as 20.30 horas.
A campaña de pavimentación continúa o domingo pola rúa Sagasta, en horario de 8.30 a 13 horas; algúns treitos de Benito Corbal, entre as 11 e as 19.30 horas; e algúns tramos de José Millán entre as 16.30 e as 21.30 horas.
Xa o luns 27 de maio, pavimentarase na Avenida de Bos Aires entre a ponte de Santiago e a ponte dos Tirantes, en horario de 9 a 11.30 horas; ou a Rúa Eirín de Monte Porreiro, que se asfaltará completamente entre as 11.30 e as 16.00 horas
Tamén en Monte Porreiro fresarase algúns treitos da rúa Alemaña entre as 16 e as 20 horas. O asfaltado desta rúa está previsto para o martes 28 de maio, entre as 8 e as 15 horas.
Os traballos neste barrio pasarán tamén ese mesmo martes á rúa Reino Unido para facer o fresado e o asfaltado está previsto para o mércores 29, entre as 8 e as 14 horas.
A Policía Local ten en marcha plans de tráfico específicos en cada caso.