Máis de 250 escolares gozan do idioma cos Xogos da Lingua
Por Redacción
O Concello de Soutomaior quere seguir promovendo a lingua dentro da programación das Letras Galegas e este martes 21 desenvolvía a primeira edición dos Xogos da Lingua.
Durante a xornada houbo oportunidade para realizar diferentes actividades iniciadas cunha "quedada" en Salgueirón dos estudantes dos centros que participaron: EEI de Romariz, o Colexio Santiago Apóstol e o IES Soutomaior.
O alumnado realizou xogos, cánticos e bailes polas rúas ata chegar ao Pavillón Municipal Alfonso Pazos.
Entre todos os participantes deron forma a unha imaxe da autora Luisa Villalta, homenaxeada no Día das Letras Galegas.
O alcade Manu Lourenzo entregou unha chapa aos asistentes co lema 'Soutomaior acende a lingua', ademais dunha placa conmemorativa desta primeira edición. O acto finalizaba co espectáculo do Mago Noel.
A programación cultural continuará o sábado 25 de maio coa montaxe teatral 'Made in Galicia', da compañía Sarabela Teatro.
O mércores 29 de maio será a quenda da escritora Yolanda Castaño, quen realizará ás 18.00 horas na Biblioteca Luís Seoane unha sesión de contacontos en verso.
Todas as actividades son gratuítas.