Cambados pecha 2013 con superávit e cifras de estabilidade orzamentaria
Por Redacción
O Concello de Cambados pechou a liquidación de contas do orzamento 2013 con superávit. Os datos deunos a coñecer o alcalde, Luis Aragunde, a raíz da convocatoria do vindeiro Pleno da Corporación. O rexedor expresou a súa satisfacción porque a situación "ven sucedendo nos últimos exercicios e resulta moi difícil, sobre todo, nos tempos de crise que atravesamos".
O informe de Intervención tamén consigna que se mantén a estabilidade orzamentaria e que o remanente de tesourería é positivo. Aragunde considera que estes datos contables favorables débense ao "rigor e a responsabilidade" cos que se están levando as contas municipais, pois o goberno local "continua na mesma liña de non gastar máis do que se ingresa".
O Concello insiste en que se axusta á realidade orzamentaria sen deixar de lado o desenvolvemento e a prosperidade de Cambados, pois continúanse realizando rehabilitacións de rúas, como sucedeu en boa parte do barrio de Fefiñáns e de San Tomé.
Ademais, o Concello realiza promocións turísticas a nivel nacional e internacional, ademais de manter o potencial da Festa do Albariño que, para o goberno local, "non é un gasto senón un investimento fundamental para o sector do viño e para Cambados".
Dende o Goberno local sinalan que os datos demostran que a boa política económica non é incompatible cos investimentos importantes, como os realizados no Saco de Fefiñáns, onde hai 1,2 millóns de euros a punto de adxudicarse para saneamento e xa se están instalando as comportas por máis de 500.000 euros.