A partir do xoves desaparecerán os chuvascos das Rías Baixas
Por Redacción
Este luns 20 de maio, Galicia sitúase nunha posición intermedia pouco definida, con aire frío en altura que será fonte de inestabilidade atmosférica, segundo informa o servizo de Meteogalicia.
A xornada presenta ceos parcialmente nubrados. Durante a tarde aumentarán as nubes de evolución con probabilidade de chuvascos, máis probables en comarcas do interior. As temperaturas manteranse sen cambios significativos, entre 9 e 20 graos. O vento soprará frouxo do noroeste.
O martes 21 chegará unha fronte pouca activa. Entrará polo oeste nas Rías Baixas ao longo da mañá con chuvascos débiles, algo máis activos durante a tarde en toda a fachada atlántica. As temperaturas manteranse entre os 11 e os 19 graos. O vento pasará a soprar do suroeste moderado durante a tarde.
Xa o mércores preséntase unha xornada de transición na que as altas presións iranse aproximando lentamente a Galicia. Tras a fronte do día anterior manterase a posibilidade dalgúns chuvascos, que se irán retirando cara ao norte co avance da tarde ata desaparecer durante a noite. As temperaturas situaranse en Pontevedra entre 11 e 19 graos con vento de noroeste pola mañá, que irá cambiando ao norte, frouxo en terra e moderado no mar.
A partir do xoves 23, a probabilidade de choivas descenderá co achegamento das altas presións a Galicia. As temperaturas, baixas para esta época do ano, iranse recuperando a finais da semana.