Vilaverán, o programa de conciliación familiar de Vilaboa, terá 400 prazas este verán
Por Redacción
O programa de conciliación familiar para as vindeiras vacacións estivais do Concello de Vilaboa, Vilaverán, terá este ano 400 prazas, 100 por quincena.
As familias interesadas poderán formalizar a súa inscrición do 17 ao 28 de xuño chamando ao número de teléfono 986 673 806 ou presencialmente na Casa de Cultura de Riomaior.
Este programa oferta actividades lúdico-formativas para rapaces con idades comprendidas entre os 3 e os 14 anos e este ano ofrecerá dúas opcións horarias co obxectivo de adaptarse ás necesidades de cada familia.
A actividade, que se desenvolverá nas instalacións do colexio Plurilingüe de Riomaior, funcionará todos os días laborais dos meses de xullo e agosto.
O goberno local elaborou este ano unha ordenanza que regule o prezo público das prazas ofertadas no Vilaverán, que quedou fixado en 50 euros por período para os participantes en horario amplo; 30 euros para o horario normal e de balde para as familias con cobertura de Servizos Sociais.
O custo global de cada unha das prazas ascende a 88,22 euros, xestionando o Concello de Vilaboa a diferencia entre a achega das familias e o prezo final.
O programa saíu este ano a licitación por un importe de 35.000 euros e unha das obrigacións da empresa adxudicataria será o emprego do método SEM. O alcalde e concelleiro de Cultura, César Poza, explicou que este modelo está pensado para que o profesorado "cree un espazo de aprendizaxe non limitado á exposición de coñecementos e a súa repetición polo alumnado, senón centrado nas competencias claves para o século XXI: creatividade, comunicación, colaboración e pensamento crítico".
A concelleira de Igualdade, Carmen Gallego, explicou que este programa de conciliación é unha oportunidade para garantir o acceso das mulleres ao mercado laboral no verán "xa que a carga dos coidados familiares segue a recaer principalmente en nós".