Un estudo de Anedia amosa que a mocidade con diabetes precisa mellorar a súa atención en Galicia
Por Anxo Lourido
Anedia Galicia, a asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes en Galicia, presentará o mércores 12 de xuño en Pontevedra un estudo pioneiro sobre os hábitos saudables entre a poboación infantil e xuvenil que padece diabetes tipo 1.
O traballo comezou a realizarse no ano 2023 e busca mellorar a calidade de vida das persoas diabéticas.
Para a súa elaboración realizáronse 177 formularios distribuídos entre escolares galegos que teñen a enfermidade, cunha media de idade de 13 ano e catro meses.
O resultado ofrece que "existe unha poboación moi consciente de todo o esforzo e coidados que require a diabetes tipo 1", pero tamén manifesta que conta con "unha ampla marxe de mellora en varias cuestións", indican desde Anedia.
O 12 de xuño está previsto que se desenvolva unha mesa de debate, nun espazo aínda por determinar, con profesionais que participaron na elaboración do estudo, ademais de persoal educativo e sanitario.
No formulario, os mozos ofrecían respostas sobre pautas de alimentación, autocoidado e actividade física. Desta análise extráese que a atención que reciben é mellorable en Galicia, tanto de maneira xeral no ámbito educativo ou en entidades deportivas.
O estudo mostra que diversas áreas de calidade de vida quedan afectadas unha vez que se declara a enfermidade, principalmente en cuestións relacionadas coa saúde física e o estado de ánimo. Na súa análise sinalan que o impacto do diagnóstico, en ocasións provoca respostas psicolóxicas e sociais que repercuten na súa saúde mental.
Na enquisa realizada detectan que a maioría non reciben atención psicolóxica nin apoio tras o diagnóstico da enfermidade. Entre os problemas que se presentan con máis frecuencia, sexa en idade infantil ou adulta, están a depresión, ansiedade, disfuncións sexuais, dificultades de rendemento laboral e sentimentos de soidade.
Logo do debut como diabéticas, as persoas participantes recoñecían ter sufrido cambios físicos e de estado de ánimo, e o 85% recoñece algún síntoma de ansiedade.
No traballo implicáronse institucións como o Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas, o de Psicoloxía e o de Educadores Físico Deportivos.
Anedia Galicia naceu en Pontevedra no ano 2012. A súa sede actual atópase na Casa Azul de Pontevedra e neste mes de maio inauguraba un novo local na cidade de Vigo.