O alzamento de Franco "foi sen ningún xénero de dúbidas un golpe de estado da ultra dereita española que triunfou"
Por Oskar Viéitez
A produción española, "La paz de los cementerios", de Raquel Troyano, foi proclamada polo xurado como mellor curtametraxe no "XIV Visualízame Audiovisual & Muller" mentres que o documental "Calla", de Almudena Sánchez-Rey e Clara López Cantos, fíxose co primeiro premio na cuarta edición de "Visualízame en tu Memoria" convocado pola Fundación Inquietarche e a UNED.
O fallo do xurado fíxose público no transcurso dun acto celebrado este venres no salón de actos da UNED en Pontevedra no que interviñeron como relatoras a historiadora Verónica Sierra Blas e a xornalista e divulgadora Nieves Concostrina quen defendeu o emprego da memoria como forma de reivindicar ás vítimas da Guerra Civil fronte aos "desmemoriados que honran aos asasinos".
Concostrina iniciou a súa intervención asegurando de forma categórica que o alzamento de Franco "foi sen ningún xénero de dúbidas un golpe de estado da ultra dereita española que triunfou".
Visiblemente emocionada durante toda a súa intervención, Conscostrina culpou á ultradereita española do inicio do conflito bélico e asegurou que no sur de España "non houbo guerra, houbo un claro exterminio. Buscaban aterrorizar á poboación para paralizala desde o momento mesmo que entraron na Península desde o Campo de Xibraltar".
A continuación foi debullando diferentes "episodios" separados e autónomos, aínda que todos vinculados coa represión franquista, onde destacou a fosa común de Pico Reja, en Sevilla, con 1.700 persoas asasinadas, a de Constantina, onde apareceron 780 cranios grazas a unhas exhumaciones practicadas polo Iryda.
Tamén se referiu á fosa do Barranco de Viznar (Granada) e asegurou que a pesar da procura non se achará nunca o cadáver de Federico García Lorca porque, segundo dixo, aos poucos días do seu asasinato foi retirado e enterrado nunha horta familiar polo seu pai "un home ben situado socialmente".
Moi emocionada referiuse tamén ao achado do cadáver dun neno de 14 anos, posiblemente xunto ao seu pai, cun tiro no cranio e que portaba un lapis e unha goma de borrar como a que usan os escolares. Cifrou en máis de 200 vítimas as atopadas no Barranco de Viznar.
Logo centrouse no pobo de Alhendin (Granada) onde un mestre, Ángel Matarán, a súa muller Justa e o seu fillo Alfonso, de 19 anos, foron asasinados polos escuadrones negros da morte por cumprir coa orde do Ministerio de Educación de retirar o crucifixo da súa clase e pechar as xanelas ao paso dunha procesión. Os seus outros tres fillos, Jesús, Francisco e Fernando morreron sen poder recuperar da fosa común de Nigüelas aos seus familiares. Aínda así se exhumaron 27 cadáveres aínda que ningún foi coincidente cos seus ADNs.
Nieves Concostrina tamén se centrou na figura dalgúns xenerais de Franco como Gonzalo Queipo de Llano ou Juan Yagüe, de quen dixo que era un asasino desapiadado e responsabilizouno dos máis de 4.000 mortos en Badaxoz ("a cidade dos horrores") á fronte da súa "Columna da Morte".
Finalmente, referiuse ao Valle da Sauceda (Cádiz), o último foco da resistencia antifranquista que foi arrasado por completo e os seus habitantes masacrados. "Entraron a sangue e lume en Jimena de la Frontera e arrasaron con todo", indicou Nieves Conscostrina quen rematou a súa intervención dicindo que "coa memoria hónrase ás vítimas, os desmemoriados honran aos asasinos".
O MASACRE FRANQUISTA DA ESTRADA DE MÁLAGA A ALMERÍA
O acto de clausura do certame cinematográfico tamén estivo protagonizado tamén pola intervención da historiadora Verónica Sierra Blas que centrou a súa alocución no masacre franquista da estrada de Málaga a Almería, ("A Desbandá" ou "A Fuxida", como se lle coñece) ou tamén levada a cabo por avións da Alemaña Nazi e a Italia fascista así como polos barcos de guerra Canarias, Baleares e Almirante Cervera, capitaneado por Salvador Moreno.
Neste episodio histórico tamén tivo un protagonismo especial un farero galego, Anselmo Vilar, que apagou as luces do faro de Torre do Mar (Málaga) para tentar dificultar ou impedir que os barcos de guerra seguisen bombardeando aos refuxiados e que lle acabou custando a vida xa que foi fusilado polo seu acto heroico.
Verónica Sierra, que escribiu o epílogo do libro "O éxodo de Málaga a Amería", publicado recentemente pola escritora María Jesús Orbegozo e que conta co prólogo de Nieves Concostrina, describiu o masacre sufrido por miles de civís republicanos que facían a travesía de Almería a Málaga e que foron cribados polo Exército Nacional. "Sen dúbida foi o acontecemento máis sanguento da Guerra Civil" e foi recollido pola prensa estranxeira e acalado en España.
Sierra concluíu a súa intervención facendo unha reflexión na que asegurou que "a memoria e o trauma hérdanse" e fixo unha férrea defensa da necesidade de lanzar luz e taquígrafos sobre o sucedido como a mellor maneira de honrar ás vítimas dunha guerra cruel onde os civís e represaliados levaron a peor parte como o testemuñan as centos e centos de fosas comúns e os miles e miles de asasinados polos escuadrones negros ligados ao alzamento.
PREMIOS
O xurado decidiu que a "Mellor Curtametraxe", dotado con 1.000 euros, fóra para a produción española "La paz de los cementerios", de Raquel Troyano, por "o seu contundente guion e magníficas interpretacións, e ademais, queremos destacar a rotundidade coa que denuncia os abusos de menores perpetrados por membros da igrexa católica e o silencio obrigado á sombra da ditadura franquista", indican no seu fallo.
O "Mellor Documental", dotado con 500 euros, foi para "Señorías", de María Guerra, "polos significativos testemuños das súas entrevistas que achegan unha visión diferente da xustiza e, desde unha perspectiva de xénero, do papel da muller na xudicatura. Ademais dunha magnífica produción".
A "Mellor Dirección" recaeu en Adriana Andrade Castro por "Sara" (Perú) e o xurado decidiu outorgar unha "Mención Especial" a "Felicidades Hansel", de Miguel Pertejo, "pola súa orixinalidade, o seu divertido guion e a realización nova".
O "Premio Enalta" á curtametraxe que mellor reflexiona sobre a morte e o duelo foi para "Los armarios no se vacían solos", de Paula Labordeta, dotado con 500 euros de premio.
O Premio Cátedra UNESCO Paz, Solidariedade e Diálogo Intercultural foi concedido a "Portswomen", de Weston Terray e Louise Franco (USA), dotado con 500 euros.
Pola súa banda, o xurado do IV Festival Internacional de Curtametraxes, Visualízame na túa memoria, decidiu conceder un primeiro premio dotado con 1.500 euros, que concede o Ministerio da Presidencia e Memoria Democrática, á curtametraxe documental "Calla", de Almudena Sánchez-Rey e Clara López Cantos, e un segundo premio, dotado con 500 euros, concedidos pola Fundación Inquietarche, á curtametraxe documental, "Saudade", de Richard Zubelzu.
Relacionadas:
-
Ética e bioética, en contraste coa relixión, analizánse na UNED Pontevedra
Por Redacción |
-
Un total de 75 curtametraxes chegan á final do festival Visualízame da UNED Pontevedra e a Fundación Inquietarte
Por Redacción |
-
Alumnos de Criminoloxía da UNED inician por cuarto ano prácticas na Policía Local de Poio
Por Redacción |
-
Un curso da UNED Pontevedra formará expertos en desafíos éticos sobre o uso da Intelixencia Artificial
Por Redacción |
-
A Deputación e a UNED, unidas para analizar os asuntos de interese mutuo para ambas institucións
Por Redacción |