A Gala do Emprendemento SmartPeme premia a Salmoira
Por Redacción
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinalou as actividades do programa SmartPeme, así como os Premios á Xuventude, o recoñecemento ás iniciativas empresarias dos estudantes de Formación profesional do DemoDay ou a aposta pola modernización do tecido empresarial do turismo coas xornadas TurisTic como mostra do compromiso do goberno provincial co emprendemento.
Fíxoo durante a celebración da segunda edición da Gala do Emprendemento SmartPeme, que se celebrou esta tarde de xoves no Salón de Plenos do Pazo Provincial e no que se recoñeceu o mérito de cinco proxectos empresariais xurdidos na provincia. "Vexo tantas e tan boas iniciativas que non podo ser máis optimista polo prometedor futuro que ten a nosa provincia. Podo garantir que esta Deputación vai seguir tendendo pontes cos emprendedores e emprendedoras da nosa provincia", afirmou o presidente López no peche da cerimonia.
A gala, conducida pola xornalista Belén Xestal e coa presenza como invitadas das empresarias fundadoras de Las Merceditas de Iria, Mercedes e Carmen Zaldívar; serviu para presentar as cinco empresas finalistas que competiron por un premio valorado en 3.000 euros para mellorar a súa formación.
As cinco marcas foron seleccionadas polo xurado entre todas as empresas que participaron ao longo do curso nalgún dos obradoiros ou aceleradoras impulsadas desde SmartPeme, o programa de apoio ao emprendemento da Deputación de Pontevedra. Entre as preto de 500 empresas que participaron nalgunha actividade deste proxecto, foron preseleccionadas as trinta máis interesantes e destas, o xurado elixiu as cinco finalistas seguindo criterios relacionados coa súa innovadora idea de negocio, polo seu impacto social, polo crecemento experimentado desde o seu ingreso en SmartPeme.
As axencias de viaxe Galiwonders e Salmoira, a xestoría Ceogest, Musggo Yoga, que ofrece clases de ioga para todos os públicos; e Amarelas, que ofrece experiencias educativas ambientadas na natureza e o patrimonio da provincia; foron as cinco finalistas. Das que resultou gañadora Salmoira.
Durante a gala e despois de ver un vídeo promocional de cada unha delas, os asistentes decidiron o gañador a través dun novidoso sistema de votación co seu móbil.
"Fronte esas voces que falan dun sector privado inimigo do público, fronte eses pensamentos que critican aos emprendedores ou fronte esa visión das empresas como contrarias do benestar colectivo. Esta Deputación di un si ben claro a recoñecer a importancia do tecido empresarial para o progreso da nosa economía, a apoiar o emprendemento como o camiño cara a innovación e modernización dos nosos servizos e a escoitar a voz dos nosos profesionais para afrontar con vantaxe os retos colectivos que temos por diante", puntualizou o mandatario provincial.
Finalmente, o presidente da Deputación referiuse á filosofía do goberno provincial de "colaborar con todos os estamentos da sociedade a prol da veciñanza e do progreso da provincia" e dixo que "esta gala é un exemplo claro de que a Deputación e os emprendedores da provincia camiñamos xuntos", concluíu Luis López.
Relacionadas:
-
A Deputación porá en marcha un novo asistente conversacional intelixente na web de Turismo Rías Baixas
Por Oskar Viéitez |
-
Luis López destaca o compromiso da Deputación coa lingua galega
Por Redacción |
-
A historia esquecida do Castelo de Soutomaior, protagonista dunhas xornadas en maio
Por Redacción |