A Deputación ten previstos investimentos por un millón de euros en Caldas de Reis para este ano
Por Oskar Viéitez
Os programas da Deputación de Pontevedra, +Provincia e o Plan Extraordinario de infraestruturas Deportivas, deixarán este ano no Concello de Caldas de Reis case un millón de euros.
Así o avanzou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, nunha reunión de traballo mantida co alcalde de Caldas de Reis no Pazo Provincial na que repasaron os investimentos previstos pola Deputación, abordaron temas de interese mutuo para as dúas administracións e estudaron as posibles vías de colaboración para atender as necesidades que presenta o Concello.
Por exemplo, na Xunta de Goberno Provincial deste venres vaise aprobar unha subvención, ao abeiro da liña 1 de investimentos do programa + Provincia, de máis de 400.000 euros para financiar por completo a execución da primeira fase do saneamento de augas residuais en Soutelo de Abaixo.
Ademais, nesta liña o concello caldense ten solicitados outros dous proxectos: o saneamento na Igrexa, valorado en 200.000 euros; e a subministración dunha furgoneta e furgón para o servizo municipal de obras valorada en 40.200 euros.
Dentro do +Provincia, Caldas conta tamén cunha achega de máis de 150.000 euros para fomentar o emprego a través da contratación de sete persoas por un período de dez meses.
Do mesmo xeito, ambos os dous mandatarios abordaron tamén o proxecto para a mellora das bancadas e da iluminación do campo de fútbol das Corticeiras, valorada en 68.000 euros, e que a Deputación financiará por completo a través do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.
A Deputación atenderá ademais unha demanda formulada polo Concello, que é a mellora da mobilidade peonil na EP-8005, na Travesía Dona Urraca, contorna onde está prevista a construción dun centro médico e na que o Concello solicita a construción de beiravías.
O presidente López amosou a predisposición da Deputación a levar a executar este proxecto. "Estamos dispostos a realizar esta actuación, pero sempre co condicionante da dispoñibilidade dos terreos", puntualizou o presidente sobre un trámite que debe resolver o goberno local para poder executar a obra.
A reunión, que transcorreu nun clima de cordialidade, serviu tamén para repasar outros proxectos en marcha como a mellora do firme da estrada entre Caldas e Portas.
Relacionadas:
-
Caldas aumenta dos seis aos oito millóns de euros o seu orzamento municipal de 2024
Por Redacción |
-
O subdelegado do Goberno e o alcalde analizan a necesidade de reforzar o mantemento da N-640 en Cuntis
Por Redacción |
-
Doce concellos pontevedreses ingresarán dous millóns tras a caducidade da bonificación a Audasa pola AP-9
Por Oskar Viéitez |
-
Caldas aumenta as achegas ás comisións de festas para pagar orquestras e actuacións musicais
Por Redacción |