Os centros de saúde conciencian sobre a hixiene de mans para previr infeccións
Por Oskar Viéitez
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés programou este venres unha serie de actividades dirixidas a informar e concienciar a profesionais sanitarios, pacientes e usuarios en xeral dos centros asistenciais sobre a importancia da hixiene de mans.
Con motivo da celebración do Día Mundial da Hixiene de Mans levouse a cabo esta iniciativa que lidera cada 5 de maio a Organización Mundial da Saúde (OMS).
Tanto nos tres hospitais -Montecelo, Provincial e O Salnés- como nos centros de Atención Primaria instaláronse mesas informativas con diverso material divulgativo e mostras de diferentes produtos para a hixiene de mans, e nalgúns deles, foi posible a realización de probas da correcta hixiene de mans mediante o emprego de luz ultravioleta da cámara escura.
Por exemplo, Pediatría do centro de saúde de Baltar-Portonovo, en Sanxenxo, ofreceu realizar unha simulación de hixiene de mans coas nais, pais e a cativada que acudiron hoxe á consulta; e o martes pasado, persoal sanitario da Atención Primaria de Cambados levou a cámara escura de luz ultravioleta ata a praza de abastos do municipio.
Así mesmo, organizáronse actividades de concienciación en colexios de ambos distritos sanitarios por parte dos centros de saúde de A Parda, Lérez e Ponte Caldelas, pertencentes ao distrito de Pontevedra; e de San Roque en Vilagarcía de Arousa, Ribadumia e Cambados, no Salnés.
Outro dos obxectivos desta campaña de 2024 é que os profesionais se animen a ser máis constantes e a perseverar nesta práctica segura.
As infeccións relacionadas coa atención sanitaria -denominadas IRAS- supoñen unha seria carga de enfermidade e teñen un efecto considerable nos pacientes e nos sistemas sanitarios de todo o mundo. A sinxela tarefa de hixienizarse as mans nos momentos axeitados e do xeito correcto pode salvar vidas, de aí a importancia de concienciar aos profesionais e á poboación en xeral.
Relacionadas:
-
As novidades na patoloxía respiratoria abordaránse nunha xuntanza en Sanxenxo
Por Redacción |
-
A Área Sanitaria despide a 12 residentes e incorpora outros 51
Por Redacción |
-
Estudan no campus os beneficios do exercicio terapéutico con realidade virtual en persoas con esclerose múltiple
Por Redacción |
-
Concedida a licenza municipal para construír o novo centro de saúde de Vilagarcía
Por Oskar Viéitez |
-
A área sanitaria de Pontevedra estabiliza a 138 profesionais de Enfermaría
Por Oskar Viéitez |