Ofértanse 2.200 prazas nos campamentos de verán na Lanzada e 300 nos polideportivos
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra ofrecerá, un ano máis, a posibilidade de disfrutar dunha semana de estadía en campamentos de verán a 2.500 nenos de toda a provincia. Con este obxectivo, aprobou as bases que rexerán os campamentos de A Lanzada, para os que se convocan 2.200 prazas, e dos campamentos polideportivos que se desenvolven no centro de Príncipe Felipe e no que se dará cabida a 300 cativos.
No caso de A Lanzada, os campamentos desenvolveranse en 11 quendas de 200 cativos cada unha, sendo a primeira do 22 de xuño ao 28 de xuño e as seguintes en semanas sucesivas, ata rematar na quenda do 31 de agosto ao 6 de setembro.
Estes campamentos están dirixidos a nenos de entre 8 e 13 anos e teñen unha elevada demanda. Neles, os participantes disfrutan de actividades variadas, como teatro, contacontos, xogos e deportes, actividades artísticas e culturais, entretemento nocturno, sensibilización ambiental, actividades na praia.
Así mesmo, os campamentos polideportivos de Príncipe Felipe desenvolveranse en 6 quendas de 50 participantes cada unha e van dirixidos a nenos de 7 e 14 anos.
A primeira quenda será do 7 ao 12 de xullo e o último do 18 ao 23 de agosto.
Tanto nun caso coma no outro, os interesados poderán solicitar a súa participación nestes campamentos desde o día seguinte á publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia ata o 1 de abril. Dado que habitualmente a demanda de prazas nestes campamentos supera a oferta, farase un sorteo entre todos os inscritos para adxudicar as prazas dispoñibles en cada un dos campamentos. Deste sorteo daráselle prioridade aos nenos que non participasen neles o pasado ano.
Trátase de dúas iniciativas que teñen unha extraordinaria acollida tanto entre os máis pequenos como entre as súas familias, xa que contribúen tanto á conciliación da vida familiar e laboral como ao desenvolvemento social e persoal.