Fin de semana de manta e sofá ante a predición de chuvias intensas nas Rías Baixas
Por Redacción
Os próximos días estarán marcados pola presenza de precipitacións na provincia de Pontevedra, segundo as predicións do servizo de Meteogalicia.
A xornada deste venres 3 caracterízase por unha meteoroloxía adversa con choivas e ventos fortes. Ademais preséntase unha situación complicada no mar. Os ceos manteranse nubrados, con choivas máis intensas no oeste de Galicia durante a segunda metade do día. As temperaturas moveranse entre os 10 e os 16 graos. Os ventos soprarán do sur-suroeste, moderados con intervalos fortes en terra, fortes no litoral e nas zonas altas.
Durante o sábado 4, Galicia continuará baixo a influencia da borrasca que se moverá polo noroeste, preto da comunidade. As choivas serán máis persistentes e intensas na metade sur. As temperaturas oscilarán entre os 13 e os 18 graos con vento de compoñente sur, frouxo con intervalos moderados.
A inestabilidade atmosférica seguirá durante a xornada do domingo 5. Os ceos continuarán con intervalos nubrados, con precipitacións máis frecuentes pola mañá e máis ocasionais durante a tarde. As temperaturas situaranse entre os 13 e os 20 graos. Os ventos soprarán de compoñente oeste, frouxos en xeral.
A próxima semana Galicia quedará na influencia de altas presións. O luns preséntase como unha xornada de transición cun 90% de probabilidades de chuvascos ocasionais e temperaturas baixas para esta época do ano. A partir do martes, o tempo espérase seco e cun progresivo ascenso das temperaturas que alcanzarían os 27 graos nas Rías Baixas durante o xoves 9 de maio.