Nova vida para a rúa Domingo de Andrade, con espazos peonís, servizos soterrados e tráfico ordenado
Por Redacción
A rúa Domingo de Andrade, situada na zona de Beiramar, entre a avenida de Uruguai e Jofre de Tenorio, terá unha nova vida. O Concello de Pontevedra iniciou nos últimos días unha actuación para mellorala.
O proxecto, impulsado polo concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda, busca "mellorar a calidade de vida da veciñanza e dar servizos aos locais comerciais situados nela".
Está rúa non está rematada e está urbanizada só no lateral esquerdo (en sentido da circulación do tráfico). Na marxe dereita hai un predio sen construír. Ademais, o trafico non está ordenado e non ten segregados os tráficos peonís e os motorizados, co conseguinte perigo para veciños e transeúntes.
A actuación supón a creación dunha beirarrúa e a pavimentación da rúa de tal maneira que se crean espazos peonís e se mellora a accesibilidade entre a rúa do Ouro e Xofre de Tenorio.
Ademais, vaise apostar por renovar os servizos e que sexan soterrados. Vaise renovar a canalización de auga potábel e a reconstrución das acometidas de auga; farase unha reserva de alumeado e preinstalación de reserva de telecomunicacións e de enerxía eléctrica.
Con esta actuación, vaise evitar que os vehículos estacionen diante das fachadas dos edificios e tamén haberá nova sinalización que reordenará os espazos de estacionamento soamente no lateral dereito (en sentido da circulación).
Os sentidos de circulación mantéñense como na actualidade.