Denuncian a precarización de contratos de enfermería na Área Sanitaria
Por Redacción
Segundo o sindicato UXT, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés vulnera os dereitos dos e as traballadoras de enfermería ao estar a formalizar contratos de menor duración da estipulada por lei.
Asegura a formación que con esta irregularidade estanse a precarizas as condicións das enfermeiras e enfermeiros que dependen dos contratos eventuais de continuidade.
A resolución do Diario Oficial de Galicia (DOG) de xaneiro de 2019 que establecía as bases de contratación destes contratos sinalaban que debían ter unha duración inicial de 12 meses, prorrogables durante tres anos para ter que converterse en interinidade pasado este tempo.
Con todo en Pontevedra e O Salnés, denuncia UXT, os contratos están a formalizarse por só 11 meses "rateando o dereito ao período de vacacións correspondentes entre outros dereitos suxeitos a contratos anuais".
Segundo o sindicato a área sanitaria pontevedresa é a única de Galicia en non aplicar a normativa.
Esta práctica, sinalan, supón que a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés non oferta sete contratos de continuidade que terían que pasar a ser vacantes, non sendo ofertadas ademais estas prazas para a cobertura de listas de longa duración.