Dous detidos, un deles menor, por vender droga nas inmediacións dun instituto de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A Policia Nacional detivo dous individuos, un deles menor de idade, por vender droga nas inmediacións dun instituto de Pontevedra.
Con estas detencións as forzas de seguridade dan por desarticulado un punto negro de venda e distribución de droga na contorna dese centro escolar.
Segundo informaron fontes oficiais da Comisaría Provincial, a investigación iniciouse grazas aos contactos cidadáns que mantén a Policía Nacional, cos diferentes colectivos, entidades educativas e asociacións veciñais.
Deste xeito a Brigada de Seguridade Cidadá tivo coñecemento da existencia dun posible punto de venda de drogas nas proximidades dun Instituto de Pontevedra, co potencial perigo de venda e consumo para os usuarios do centro.
Entón púxose en marcha un dispositivo de prevención e vixilancia para a localización e identificación dos posibles responsables.
Os axentes da Policía Nacional localizaron a un grupo de mozos nas inmediacións do Instituto, de entre os cales, dous deles reaccionaron violentamente contra os axentes ao ser interpelados, provocando lesións a un dos axentes no forcexo.
A Policía Nacional, coa colaboración da Policía Local, detivo aos dous mozos e no cacheo de seguridade os axentes localizaron entre as súas pertenzas unha notable cantidade de substancia estupefaciente, así como útiles para a súa posterior venda en pequenas doses, e diñeiro fraccionado no medio do cal os axentes detectaron 70 euros en billetes falsos.
As dilixencias practicadas, así como os efectos intervidos, foron postos ao dispor da Fiscalía de Menores e Xulgado de Garda.
Relacionadas:
-
En liberdade con cargos un home ao que sorprenderon pola rúa cun televisor, un taladro e bebidas que acababa de roubar
Por Oskar Viéitez |
-
Detido un mozo tras roubar tabaco no estanco, agredir varias persoas e romper o cristal dun local en Fernando Olmedo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Detida unha muller por furtar máis de 1.200 euros en perfumes
Por Oskar Viéitez |