Os integrantes do novo Executivo da Xunta xuran os seus cargos
Por Oskar Viéitez
Pasadas as nove da mañá deste luns 15 de abril, os conselleiros prometeron ou xuraron os seus cargos ante o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Previamente déronse cita no Hostal dos Reis Católicos desde onde os integrantes do novo Goberno galego acudiron andando ata o pazo de Raxoi, a sede institucional do Executivo autonómico na praza do Obradoiro, facendo un posado para os xornalistas gráficos ante a catedral.
A novidade máis destacada do novo Executivo autonómico é a desaparición das vicepresidencias e tamén a incorporación de catro novos conselleiros: María Martínez Allegue (Vivenda e Planificación de Infraestruturas), José López Campos (Cultura, Lingua e Xuventude), Antonio Gómez Caamaño (Sanidade) e María José Gómez Rodríguez (Medio Rural).
Equipazo! pic.twitter.com/ObRkLozK5W
— Alfonso Rueda (@AlfonsoRuedaGal) April 15, 2024
Unha vez no pazo de Raxoi e tras a lectura dos decretos de nomeamento, un a un acudiron á mesa onde había unha copia do Estatuto de Autonomía, outra da Constitución e unha Biblia.
A maioría dos doce conselleiros e conselleiras optaron pola fórmula de xurar o seu cargo, excepto o Presidencia, Diego Calvo; a de Vivenda, María Martínez; e o de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o de Mar, Alfonso Villares, que prometeron.
Logo tomou a palabra o exconselleiro de Sanidade Julio García Comesaña, que falou en nome dos que deixaron o goberno galego con palabras de agradecemento ante a oportunidade dada para "servir a Galicia". Tamén lembrou que leva "unha vida enteira" de entrega á sanidade pública, "con acertos e erros", na que traballou sempre por "mellorar a sanidade pública"
A pontevedresa María Martínez Allegue tomou a palabra a continuación, xa como nova titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e en representación do resto de conselleiros.
Pechou o acto o presidente Rueda que retou aos integrantes do seu novo goberno a "superar" aos executivos anteriores. "A nosa sorte será a sorte de Galicia", díxolles antes de desexarlles sorte e moito traballo xa que será un sinal de que Galicia "mira cara adiante e segue progresando".
Seguidamente celebrouse o primeiro Consello da Xunta con este equipo.
Relacionadas:
-
Potenciar a Atención Primaria, reto exposto na primeira visita a Montecelo do novo conselleiro de Sanidade
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O Concello ofertarlle á Xunta sete parcelas diferentes para a construción de vivenda de promoción pública
Por Oskar Viéitez |
-
Belén Cachafeiro substituirá a López Campos como deputada provincial
Por Oskar Viéitez |
-
Catro novos conselleiros e sen vicepresidencias, así é o novo goberno galego
Por Oskar Viéitez |
-
Rueda toma posesión defendendo o "estilo Galicia", baseado na moderación, a prosperidade e o sentidiño
Por Oskar Viéitez |