Lores inicia unha xira polos doce obradoiros de memoria dos barrios e parroquias
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, iniciou este luns en Bora e Marcón unha xira que o levará a visitar os obradoiros de memoria municipal organizados en doce centros sociais e veciños de barrios e parroquias do municipio.
Lores visitou os obradoiros destas dúas parroquias acompañado polas concelleiras de Benestar Social, Anabel Gulías, e rural, María José Abilleira.
Esta actividade busca o envellecemento activo e a dinamización social das parroquias e supón atender a case o 30% do censo municipal, pois en Pontevedra viven 24.815 persoas maiores de 60 anos, 14.462 mulleres e 10.353 homes.
A actual edición dos talleres de memoria que impulsa a Concellería de Benestar Social botou a andar en febreiro nunha ducia de centros sociais e veciñais das parroquias de Bora, Marcón, Tomeza, Salcedo, Mourente, Lourizán (Estribela), Lérez, Ponte Sampaio e A Canicouva e nos locais sociais urbanos Centro Sur, A Parda e San Roque.
A actividade manterase ata a derradeira semana de maio e chega a un total de 275 persoas maiores de 60 anos.
Os obradoiros, organizados en colaboración coa asociación Acolle, artéllanse en quince sesións semanais, dunha hora e media de duración e van dirixidos a persoas maiores de 60 anos sen problemas de memoria asociados a algún tipo de demencia.
Nestes obradoiros, os participantes traballan dun xeito lúdico os recordos, aprenden sinxelas regras mnemotécnicas útiles para a vida cotiá e realizan xogos e actividades pensadas para centrar a atención e fomentar as habilidades comunicativas.