O proxecto de mellora da estrada entre Piñeiro e Arcos, en Cuntis, está "moi avanzado" e custará 400.000 euros
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra xa ten "moi avanzado" o proxecto para a mellora da estrada provincial entre Piñeiro e Arcos, en Cuntis, no que investirá máis de 400.000 euros.
A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, visitou esta estrada para analizar de primeira man a situación na que se atopa e constatar que "quede todo ben recollido no proxecto".
Despois da visita avanzou que o proxecto está avanzado e permitirá mellorar o firme e a seguridade viaria de todo o conxunto da estrada provincial.
A EP-8404 entre Piñeiro e Arcos ten unha lonxitude de 3.416 metros. Nestes momentos non ten a capacidade portante adecuada e mediante a actuación prevista preténdese realizar un asfaltado que cubra o estado deficiente da vía.
A actuación completarase cun paquete de medidas destinadas á mellora da seguridade viaria da estrada provincial. Ademais da mellora do firme, repoñerase a sinalización horizontal e vertical co fin de salvagardar a debida prestación do servizo público viario.