No que vai de ano, máis de 10.000 peregrinos realizaron o Camiño Portugués
Por Oskar Viéitez
Nos primeiros tres meses deste ano o Camiño Portugués a Santiago de Compostela acumula xa máis de 10.000 peregrinos, segundo os datos facilitados polos responsables da Oficina de Turismo da Xunta en Pontevedra.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, recibiu con interese os datos "moi positivos" do Camiño de Santiago que "parece que este ano volverá a bater récords".
Así, ata o mes de marzo, recolleron a Compostela máis de 28.000 peregrinos por calquera dos camiños de Santiago, unha cifra que supera en 12.000 camiñantes a do ano pasado.
O delegado territorial destacou os "bos resultados" que están a ter as estratexias da Xunta para a promoción e potenciación do Camiño de Santiago como "unha alternativa de turismo desestacionalizado, respectuoso co medio ambiente e cos veciños e beneficioso para a economía, non so dos concellos polos que pasa a Ruta Xacobea, senón de toda Galicia".
O delegado territorial fixo estas declaracións no marco dunha visita realizada este venres á Oficina de Turismo de Pontevedra, xestionada pola Xunta.
O delegado quixo coñecer de primeira man o traballo dos especialistas que atenden e asesoran ás millares de persoas que cada ano pasan por este espazo en busca de información e recomendacións.
En concreto, no pasado 2023 a Oficina de Turismo recibiu preto de 21.000 consultas, das cales a maioría foron realizadas de forma presencial e por turistas de procedencia nacional.