Domínguez cualifica de "sucia e decadente" a imaxe que ofrece a contorna da Praza de Galicia
Por Redacción
Residentes e comerciantes da contorna da Praza de Galicia mantiñan un encontro nas últimas horas con Rafa Domínguez, portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, e Silvia Junco, concelleira responsable da área popular de Servizos Sociais.
Nesta reunión tratáronse os problemas de inseguridade cidadá que padecen estes veciños ao producirse incidentes con persoas sen fogar que, baixo efectos de alcohol e drogas, instálanse nos soportais dos edificios da zona.
O portavoz municipal do PP informáballes sobre as 750 firmas que foron entregadas no Concello de Pontevedra a partir do movemento veciñal iniciado na praza da Ferrería e que ten continuidade nas Galerías Oliva e tamén nos arredores da Praza de Galicia.
"Esiximos medidas eficientes para mellorar a seguridade veciñal antes de que se produza un desgusto", expuxo Domínguez para manifestar que se están incrementando as infraccións penais no municipio, cunha media de oito delitos diarios durante 2023, situando a Pontevedra como a segunda cidade galega onde máis aumenta a criminalidade cun 7,6%.
O líder popular tamén denuncia a imaxe que ofrece todo este punto urbano do barrio de Campolongo: "a limpeza, a iluminación pública e o mantemento brillan pola súa ausencia", asegurou mostrando solidariedade coa veciñanza.