Condenado por ameazar e acosar en persoa e por teléfono á súa ex, que tivo que mudarse dúas veces para evitalo
Por Natalia Puga
Dous xulgados pontevedreses condenaron un home pola súa conduta cara á súa ex parella tras a ruptura, coa que buscou "perturbar o acougo e a tranquilidade" dela con acoso e ameazas.
A parella tivo unha relación entre maio de 2017 e setembro de 2019 e estes delitos comezaron tras a ruptura, que, segundo a sentenza, el "non aceptou". Actuou coa intención de que ela "volvese retomar a relación ou ben a tomar represalias por abandonarlo".
Acudía con frecuencia ao seu lugar de traballo e lecer e apostábase nas inmediacións do portal do seu domicilio, chamando ao timbre a altas horas da madrugada, provocándolle problemas de soño.
Aínda que ela se mudou, pescudou o novo domicilio e continuou coa súa conduta, indo a timbrar pola tarde, de noite ou de madrugada en máis de vinte ocasiones para logo irse do lugar.
Ademais, facíalle constantemente chamadas e enviáballe mensaxes ao móbil e ao teléfono do traballo dela "co fin de controlar os seus horarios".
Con intención de "atemorizar" ao seu ex, un día chamouna e díxolle "goza do que che queda", xerando un "intenso temor" nela, que decidiu mudarse de novo a casa duns amigos. Tras iso, noutra chamada ao móbil díxolle: "tanta mudanza non sei pa que".
Por todos estes feitos, ela presentou unha denuncia ante a Garda Civil, e solicitou unha orde de afastamento que lle foi concedida. Por esta medida, el non podía achegarse a menos de 300 metros dela nin comunicarse con ela, pero el incumpriuna en innumerables ocasións, chamándoa case a diario e varias veces cada día desde distintos números de teléfono.
Como consecuencia da súa conduta, ela padece un trastorno adaptativo mixto (ansioso- depresivo) e viu alterada de forma importante o desenvolvemento normal da súa vida con modificacións substanciais nas súas rutinas, non podendo saír sen atoparse con el. Cambiou as súas quendas laborais e tivo que ser acompañada por persoas da súa empresa, tivo que cambiarse dúas veces de domicilio.
A sentenza inicial ditouna o Xulgado do Penal número 4 de Pontevedra, o acusado recorreu e logo confirmouna a sección cuarta da Audiencia Provincial.
Ambos os xulgados condénano como autor de tres delitos: acoso, quebrantamento de medida cautelar e ameazas, todos eles no ámbito da violencia contra a muller.
En total, deberá cumprir catro anos de prisión. Dous anos por acoso, un por quebrantamento e outro por ameazas.
Ademais, impóñenlle a prohibición de aproximarse a unha distancia inferior de 500 metros e de comunicarse con ela durante dez anos (sete por acoso e tres por ameazas) e a obrigación de indemnizala con 12.000.00 euros.
Ademais, a ela mantéñenlle a orde de protección que ten en vigor desde maio de 2020.