O Concello de Pontevedra inicia a tramitación dos expedientes "atrasados ou paralizados" durante os últimos tres meses
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
Os orzamentos municipais para este o 2024 no Concello de Pontevedra entran este martes en vigor logo da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, explica que desde este intre o Concello de Pontevedra inicia a tramitación de todos os expedientes "atrasados ou paralizados" durante estes últimos tres meses "pola irresponsabilidade da oposición".
Unha vez publicados os orzamentos no BOPPO, estes poden ser considerados aprobados definitivamente e, polo tanto, o Concello de Pontevedra pode iniciar un novo capítulo.
O rexedor explica que "agora, inmediatamente, desde xa, iniciamos a tramitación dos expedientes máis urxentes, entre eles todos os que teñen que ver cos fondos europeos, a Santiña, o antigo conservatorio, as subvencións dos clubs, o mantemento de instalacións, etcétera".
Fernández Lores lembrou que "esta non vai ser unha tramitación rápida" xa que "hai un cúmulo de traballo e fondos que precisaban ter os orzamentos aprobados, mais por fin podemos están xa en vigor".
Estes orzamentos son os máis altos da historia do Concello de Pontevedra, e, seguindo as palabras do alcalde na súa presentación "responden a un novo tempo, recollendo a situación derivada da Covid, a inflación e a suba xeralizada de prezos", chegando até os 94,7 millóns de euros.