A primavera trae festa a Caldas de Reis coa Panorama e o Grupo Alkar
Por Oskar Viéitez
A Orquestra Panorama e o Grupo Alkar serán os platos fortes da nova edición da Festa da Primavera de Caldas que se celebrará entre o 12 e o 15 de abril. Así o desvelou este luns o tenente de alcalde e responsable de Festas, Manuel Fariña, quen subliñou que o goberno local quere dar á festa máis verbeneira da vila termal o atractivo que merece para que se acheguen e gocen da música e o baile milleiros de persoas, todo de balde.
A cita coa chamada “mellor orquestra de España”, a Panorama, será o 12 de abril ás 22.30 horas na explanada da Tafona. Explica Fariña que o de Caldas de Reis será un dos primeiros bolos da nova xira do grupo galego que trae novidades: a agrupación chegará coas súas tres últimas fichaxes, a vocalista brasileña Aroxa Ruana –que xa formara parte do equipo ata 2023- e dúas novas bailarinas, unha delas chegada da París de Noia.
O conxunto fará, como agardan as súas seguidoras, un extraordinario despregue no escenario cun espectáculo propio que varía moito en cada xira e que este leva por título 'IA Tour 2024', e que terá en Caldas unha das primeiras localidades para coñecelo. Completará a oferta musical da xornada a discoteca móbil 'La Gramola'.
No segundo día de verbena (o domingo 14 a partir das 18.30 horas) será a quenda do 'Grupo Alkar', outra das agrupacións máis seguidas en Galicia, cunha grande traxectoria dende o 1969 e que promete moita festa, un grande repertorio musical e dinamismo para facer bailar a todas as persoas que asistan á súa actuación. Pechará o domingo o DJ Marcos Magán.
A Festa da Primavera de Caldas deste ano, ademais das tradicionais xornadas verbeneiras, ven de incorporar este ano un día máis de música (o venres 12 de abril, desde as 19 h) grazas á suma á programación dun festival de DJs, o 'Kalidas Primavera Fest', que contará coa participación de Anthony Godfather, Groove Amigos, Traffic House, Samu Pexe, Mr. J , Zoey Rey e Marcos Gramola. Pechará a festa o día 15 o Día do Neno e da Nena, con descontos nas barracas e atraccións para todas as crianzas.
Manuel Fariña destaca que, con todas estas actuacións, o Concello quere darlle a benvida á primavera por todo o alto. Subliña que consolidar a festa supón unha grande dinamización económica e un revulsivo para o sector hostaleiro e hoteleiro, e augura que Caldas vai ser un fervedoiro de xente, conseguindo consolidarse dentro do calendario de verbenas e orquestras que seguen moitas fans ao longo de toda Galicia.
Relacionadas:
-
"Éxito sen precedentes" da Festa da Primavera de Caldas, que atraeu preto de 30.000 persoas
Por Redacción |
-
O Concello de Caldas pide "sensatez" aos feirantes e que acaten a normativa para poder instalar os seus postos na Festa da Primavera
Por Redacción |
-
Máxima seguridade en Caldas de cara as actuacións de Panorama e Alkar na Festa da Primavera
Por Redacción |
-
Xa se poden reservar postos para participar na Feira Tradicional de Caldas
Por Redacción |
-
Caldas de Reis propón que abril sexa o seu 'Mes do Deporte'
Por Redacción |
-
Máis de 250 corredores participaron na carreira de orientación urbana en Caldas de Reis
Por Redacción |
-
Inician as probas da maquinaria para poñer en marcha as Pozas da Tafona
Por Redacción |
-
'Nasín cando as prantas nasen', unha exposición coa que Caldas de Reis honra a Rosalía de Castro
Por Redacción |