Propoñen unha sanción de 1.500 euros a unha empresa que verteu pintura ao río Lérez
Por Redacción
O Concello de Pontevedra incoou un expediente sancionador á empresa Acad Viaria SL, que ten un almacén situado na rúa Leonardo Enríquez, na contorna de Pasarón, como presunta responsable dunha vertedura de pintura ao río Lérez o pasado 20 de xaneiro, día no que se data o informe da Policía Local sobre o suceso.
O propio xerente da firma recoñeceu, durante a investigación realizada pola Policía Local e técnicos de Aquagest, que en dito almacén gardan "entre outras cousas" botes de pintura. ditos recipientes "con restos de pintura e cheos de auga", estaban sendo prensados para a súa reciclaxe, tarefa que podería estar detrás do vertido ao Lérez "ao desprenderse a auga ao seren prensados e entrar en contacto con partículas de pintura", segundo a súa propia declaración.
A pintura tería chegado ao río a través da rede de pluviais, pero segundo o responsable da empresa "non era pintura líquida senón partículas de po disoltas no auga", restos do material que empregan para o pintado de sinalizacións viarias.
En todo caso, o goberno municipal asegura, tal e como ratifica Augas de Galicia, que a vertedura provocou "un forte cheiro a pintura ou disolvente" que ocasionou unha mancha de cor branca entre as pontes de Santiago e O Burgo. Trátase dun feito cualificado como falta moi grave no regulamento de verteduras á rede municipal de saneamento, polo que se considera que a sanción a impoñer é de 1.501 euros.
OUTROS ACORDOS DA XUNTA DE GOBERNO
Ademais, a Xunta de Goberno aprobou adxudicar á empresa EC Casas o contrato de mantemento das vías públicas no rural, por un importe de 242.000 euros; e tomou coñecemento dunha sentenza do Tribunal Supremo que ratifica o prezo abonado á sociedade mercantil Consmacar, que esixía a expropiación dunha parcela de 900 metros cadrados da súa propiedade en Ernesto Cabaleiro, ao ter a consideración de zona verde.
Fronte aos 180.000 euros ofrecidos polo Concello de Pontevedra, unha valoración apoiada por unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a empresa solicitaba das arcas públicas 3 millóns de euros, pretensión rexeitada agora polo Alto Tribunal, que desestima o seu recurso de casación e confirma a taxación realizada no seu día, que fixa un prezo de 200 euros por metro cadrado, en lugar dos 2.990 que solicitaba esta sociedade.