Polémica no San Bieito de Inverno polo adianto da procesión sen previo aviso
Por Mónica Patxot & María José Pita
"Isto con Don Crisanto non pasaba", exclamaba unha veciña de Lérez cando lle comunicaban que "a procesión xa acabara". Eran as 12:30 horas deste xoves 21 de marzo, día da celebración de San Bieito de Inverno, cando a indignación crecía entre as decenas de persoas que se congregaban ás portas da igrexa do Mosteiro de San Bieito de Lérez á espera da tradicional procesión ao termo da misa das 12:00 horas.
Unha voluntaria que forma parte da organización do evento confirmaba a PontevedraViva que "xa o ano pasado, Don Pablo celebrou a procesión antes da misa das doce". A pesar de ser o segundo ano, este cambio realizado por Pablo Carou, párroco de Lérez dende o falecemento de Crisanto Rial, colleu desprevidos aos devotos de San Bieito.
Unha veciña de Lérez de nome María José comenta que na celebración do pasado ano non se achegou ata San Bieito porque facía mal tempo. Por iso non se decatou deste cambio. Este ano, cun sol radiante e temperatura máxima prevista de 29 graos, acudiu á igrexa calculando o horario para coincidir coa procesión. Mostrábase algo contrariada, pero restándolle importancia ao caso. "Eu son máis do San Bieito de verán, ao de inverno só veño se hai bo tempo, como hoxe, xa verei a procesión no verán".
A principal razón do malestar dos devotos de San Bieito é que no panel informativo ás portas do templo si estaba anunciada a procesión a continuación da misa das 12:00, cun sospechoso borrón na parte do texto que indicaba que, pola contra, a procesión si precedería á misa. Este cartel estaba dentro dunha vitrina pechada.
Alleo a esta polémica, no interior da igrexa, o párroco oficiaba a misa ante os fieis que ateigaban o templo. Mentres, nun lateral, persoas devotas de San Bieito, chamado "o santo máis milagreiro", cumprían co ritual de pasar agachadas por baixo da imaxe.
Outro grupo de fieis repartíase á entrada da igrexa, no posto habilitado para adquirir, a cambio dunha esmola, unha estampa santificada por dúas persoas da organización que a pasaban pola túnica do santo.
Nun edifcio anexo, outro equipo de voluntarios, formado por Dora, Olga, Josefa e Luis encargábase da venda de velóns, aceite milagroso, estampas, medallas, pulseiras ou pequenos rosarios metidos nun frasco. "Sempre lle pido: San Benitiño, San Benitiño, atópame un sitiño", manifestaba Jésica, veciña de Pontevedra, mentres compraba un destes pequenos rosarios para levar no coche, ao tempo que aseguraba que "desta maneira, sempre aparco". Tamén adquiría o seu bote de aceite a un euro para axudar a eliminar as verrugas e manchas da pel, segundo asegura a tradición.
Dende a parroquia de Lérez, Mari Carmen achegábase ao Mosteiro para comprar dous botes de aceite, un quedará en casa e o outro será para unha prima de Lugo que llo encargou. Todos os anos é fiel á tradición, dende que sendo unha nena acompañase aos seus avós.
Ademais de diñeiro, moitos fieis fan doazóns de alimentos, na súa maioría ovos, con destino a Cáritas, e botellas de aceite. Este aceite será o que forme parte dos botes que se venderán na próxima festividade de San Bieito, o 11 de xullo. A partir da pandemia da covid, non se permite que os fieis se acheguen á igrexa cos seus propios frascos reenchibles.
Mesmo houbo quen ofreceu un vistoso galo. Dende a organización descoñecían cal sería o destino final da ave. "É un kirico, a carne é moi dura, non sei que farán con el, iso si, para caldo está riquísimo", comentaban entre o equipo de voluntarias.
O bo tempo favoreceu a asistencia dun gran número de persoas. Con todo, ao ser un día laborable, a afluencia sempre é menor que na festividade de verán. No posto Rosquillas Mari e Fillas, procedente de Lantaño, observan que cada ano hai menos fieis e os que veñen son dunha media de idade alta. Venden tanto doces como cera, "moito cirio, corpo enteiro e algunha perna tamén". Mari lamenta que "as vendas están a ser frouxiñas" e achácao á situación económica. "Se antes levábanche dúas agora lévanche só unha ou ningunha, preguntan máis canto subiu, nótase que a xente mira moito o diñeiro".
Ás 8 da mañá arrincaba a serie de dez misas que ao longo da xornada se celebraron na honra de San Bieito, a última estaba fixada para as 20:00 horas.
Relacionadas:
-
San Bieito de Lérez esgota as botellas de aceite milagreiro ante a demanda de milleiros de devotos
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
O novo cura de Lérez nega a comuñón a unha devota nun funeral e causa un cisma na parroquia
Por Anxo Lourido |
-
San Benitiño de inverno é só para os máis devotos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |