A de Pontevedra será unha das cinco tendas que H&M manterá abertas en Galicia
Por Redacción
A multinacional sueca H&M confirmou o peche dunha trintena de tendas en toda España, tres delas en Galicia. Pero a de Pontevedra non está entre elas.
Desde que a compañía anunciase o seu plan de reestruturación, que vén acompañado dun ERE para uns 588 traballadores, moito se especulou sobre as consecuencias desta decisión empresarial. Agora, H&M confirmou oficialmente a súa folla de roteiro.
As tendas que botarán o peche en Galicia son as situadas no centro comercial Gran Vía (Vigo), no centro comercial Odeón (Ferrol) e no centro comercial As Termas (Lugo).
H&M quedará, por tanto, con cinco establecementos en Galicia, mantendo abertas as súas tendas en Pontevedra, A Coruña, Santiago, Ourense e Vigo (aquí tiña dúas).
A firma nórdica sostén que esta medida busca "adaptar e perfeccionar" a súa estrutura comercial en España para satisfacer as "cambiantes necesidades e expectativas" dos seus clientes, buscando "activamente" ao mesmo novas oportunidades de negocio.
O proceso de negociación do ERE comezará en setembro.
O sindicato Comisións Obreiras considera que esta reestruturación é "demasiado agresiva" e entende que se poden buscar solucións que non impliquen a perda de emprego.