![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5301f76e1578f-001.jpg)
CC BY-NC-SA PontevedraViva
CC.OO. alerta da perda de emprego que supón a nova Lei da Administración Local
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Lei de racionalización e sostenibilidade da Administración Local afectará aos servizos sociais municipais a partir do 31 de decembro de 2015 e, segundo o sindicato Comisións Obreiras (CC.OO.), pasarán a depender da Xunta de Galicia que poderá derivalos ás deputacións provinciais ou aos concellos, que conten con recursos económicos para mantelos.
Deste xeito, os representantes sindicais entenden que a aplicación desta norma obrigará a que se establezan, por parte da Deputación, concertos ou convenios de colaboración para manter estes servizos nos concellos e deducen que aqueles de menos de 20.000 habitantes non poderán facer fronte economicamente ao mantemento destas actividades sociais como, entre outras, as relacionadas con bibliotecas, centros culturais ou actividades xuvenís.
José Ramón Piñeiro e José Luis García Pedrosa, representantes de CC.OO., indicaron que esta situación provocará a perda dos servizos e, por tanto, a desaparición de postos de traballo porque "o obxectivo da Lei é velar porque os concellos non entren en colisión coas empresas privadas". E Piñeiro engadiu que "la Xunta dejará de dar subvenciones sociales y el Ayuntamiento que quiera mantener esos servicios tendrán que aportar el 100% del coste".
Por este motivo, o sindicato convocou asembleas en todos os concellos e centros de traballo dependentes das administracións locais para informar desta situación e solicitou unha xuntanza co presidente da Deputación, Rafael Louzán, para saber que fórmulas van poñerse en marcha por parte da entidade provincial para evitar a perda destes postos de traballo. Segundo o secretario comarcal de CC.OO., José Luis García Pedrosa, "a situación vai xerar conflitividade. Só nos pequenos concellos sen déficit, o persoal laboral pode estar tranquilo pero a maior parte dos traballadores estarán en situación de risco".
O sindicato anuncia que se non se obtén unha resposta satisfactoria por parte da Deputación convocarán actos de protesta.