A renovación do convenio de orientación laboral levarase a pleno extraordinario en Cuntis
Por Redacción
O Concello de Cuntis anuncia que a próxima semana celebrará un pleno extraordinario para tratar diversos asuntos de importancia.
Un destes temas refírese á aprobación do convenio de colaboración co Concello de Caldas de Reis para a realización de actividades de orientación laboral, ademais da solicitude dunha subvención para continuar coa prestación deste servizo.
Cuntis conta con este servizo dende o ano 2009, que se desenvolve nas dependencias do centro ocupacional, situado no polígono industrial da Ran.
O alcalde, Manuel Campos, incide na importancia de continuar con esta prestación activa, dada a súa importancia e os beneficios que brinda ás persoas que se atopan na busca de emprego, con servizos como asesoramento, información, deseño de itinerarios de inserción ou prosprección de empresas.
Este asunto foi aprobado na Comisión de Contas e Facenda celebrada esta mesma semana.
NOVAS LUMINARIAS LED
Outro tema que tamén foi tratado na comisión informativa e que será levado á sesión plenaria extraordinaria é unha proposta de Alcaldía para a aprobación do convenio coa Deputación de Pontevedra para completar o proxecto de iluminación exterior sostible con luminarias led, que supoñen un importante aforro no consumo.
O goberno local xa realizou actuacións similares no seu día e, con esta achega, pretende dotar de novas luminarias led varias rúas do casco urbano cuntiense, así como o campo de fútbol.
"Unha vez poidamos completar estas obras, Cuntis xa contaría practicamente cun 100% de iluminación sostible", sinalaba o alcalde.