Prisión para un veciño de Poio acusado de roubar nunha vivenda para comprar droga
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Garda Civil detivo este venres 14 de febreiro a un veciño de Poio de 23 anos, A.G.J., como presunto autor dun roubo con intimidación nunha vivenda do municipio e furto no Centro Comercial A Barca.
Precisamente os vixilantes de seguridade da superficie comercial foron os que avisaron aos axentes tras reter o mozo no interior do centro ao sorprendelo mentres furtaba varios efectos.
A patrulla do Instituto Armado desprazada ao lugar trasladouno ata a Comandancia para poder proceder á súa identificación, posto que non portaba documentación.
No transcurso das dilixencias a Garda Civil comprobou que este veciño de Poio era o suposto autor dun roubo nun domicilio sobre as 6:00 horas do mesmo día 14, no cal tería entrado cunha navalla e oculto cun pasamontañas esixindo aos ocupantes da vivenda diñeiro para comprar droga.
Tras a instrución o detido foi posto a disposición do Xulgado de Instrución Dous de Pontevedra, que decretou o seu ingreso en prisión.