Críticas polo peche dos baños públicos das praias de Lourido e O Laño
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O grupo municipal do BNG no Concello de Poio critica o peche dos baños públicos das praias de Lourido e o Laño.
Os nacionalistas solicitaron hai meses a apertura destes servizo "necesario e básico, que sempre estivo operativo" e, segundo explican, o goberno local xustificou que este peche estaba motivado por traballos de reparación. Pasado este tempo, o BNG sinala que estes baños continúan pechados, polo que entenden que non foron reparados.
Dende o BNG aseguran que "estes servizos públicos sempre estiveron habilitados todo o ano, e que non supoñen grandes gastos para o Concello".
"Somos conscientes de que sempre existiron incidencias e problemas mais nunca foi motivo para privar aos veciños do seu servizo, facíase un mantemento continuado e solucionábase con celeridade os problemas para que os servizos estiveran a disposición da veciñanza o antes posible", manifestan dende o grupo municipal do BNG en Poio.
"O goberno local do Partido Popular abandona os servizos básicos dos veciños, un claro exemplo, é o deposito de escombro do aparcadoiro de Lourido", critican os nacionalistas.
RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL
En resposta ás críticas do BNG, o goberno local afirmou que os baños do Laño e de Lourido se pecharon ao público nos meses de inverno porque sufriron actos vandálicos, que provocaron non só a rotura da porta de acceso ao baño do Laño, senón tamén das pezas do interior, da instalación eléctrica e incluso da cartelaría exterior. "Como medida de prevención, optouse por pechar temporalmente tamén o de Lourido, para evitar que seguise a mesma sorte coincidindo, ademais, cos meses de inverno", apuntaron.
Con todo, explican que a próxima semana volverán a abrir ao uso do público tras os traballos de reparación e posta a punto que estiveron facendo os operarios municipais.