Renóvase a colaboración entre a Deputación e a Universidade cun investimento de 165.000 euros
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra renova o seu compromiso coa Universidade de Vigo e anuncia un investimento de 165.000 euros para impulsar proxectos conxuntos neste 2024.
Tras a reunión mantida a semana pasada no Pazo da Deputación, este luns o presidente provincial, Luis López, comunicaba por carta ao reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, os detalles desta colaboración.
A dotación repartirase da seguinte maneira: 80.000 euros para o financiamento de iniciativas investigadoras, 55.000 euros para o impulso do campus CREA e outros 30.000 euros para proxectos conxuntos entre universidade e empresa.
Por unha banda, o goberno provincial destinará 80.000 euros á financiamento de dez iniciativas investigadoras, que se distribuirán en 7.900 euros para cada un dos proxectos de investigación máis outros 1.000 euros para a publicación dos seus resultados.
No que respecta á especialización do campus CREA, destinaranse 55.000 euros que contribuirán a organizar o I Congreso Internacional CREA (20.000 euros), a semana da creatividade (15.000 euros), potenciar o seu programa de doutoramento (10.000 euros) e a liña de axudas predoutorais para desenvolver investigacións vinculadas á especialización de CREA e do seu programa de doutoramento (10.000 euros).
Finalmente, o presidente da Deputación tamén anunciou outros 30.000 euros para a financiamento de cinco propostas de proxectos conxuntos entre a Universidade de Vigo e o mundo da empresa enmarcados en convocatorias de carácter europeo, nacional ou rexional, cun orzamento de 6.000 euros por proxecto.