Martes baixo influencia anticiclónica antes da chegada dunha fronte o xoves
Por Redacción
A previsión dos técnicos de MeteoGalicia sinala que durante este martes Galicia estará baixo influencia anticiclónica. Con esta situación agárdanse néboas en zonas de interior, que darán paso a ceos con nubes altas, que non impedirán o paso do sol. As temperaturas mínimas descenderán lixeiramente, mentres que as máximas experimentarán un moderado ascenso. O vento soprará frouxo, de compoñente sur.
Galicia estará durante o mércores nunha situación intermedia entre altas e baixas presións, con influencia anticiclónica feble. Deste xeito, teremos bancos de néboa illados en zonas de interior, que darán paso a ceos con poucas nubes en xeral. As temperaturas experimentarán un lixeiro ascenso, sendo os valores máis altos da semana. Os ventos soprarán frouxos, de compoñente sur.
Xa para o xoves unha fronte pouco activa atravesará Galicia, deixando ceos anubrados, con algúns chuvascos, máis probables canto máis ó oeste. As temperaturas mínimas non terán cambios, mentres que as máximas sufrirán un lixeiro descenso. Os ventos soprarán de compoñente sur, moderados, con intervalos fortes no litoral noroeste.
Durante a segunda metade da semana Galicia manterase baixo a influencia de borrascas atlánticas que deixarán un réxime de ventos de dirección suroeste. Así, a probabilidade de precipitación será alta na metade oeste da Comunidade, con temperaturas suaves en xeral.