Máis de 400 escolares coñecerán como é a educación dos seus compañeiros cegos
Por Redacción
Máis de 400 escolares coñecerán como é a educación dos seus compañeiros cegos, durante as Xornadas de Portas Abertas que celebrará o Centro de Recursos Educativos da ONCE (CRE) en Pontevedra durante toda esta semana do 11 ao 15 de marzo.
Divididos en grupos, quen acuda ao CRE da ONCE visitarán unha exposición de material didáctico e tecnolóxico, na que terán acceso a materiais e equipos relacionados coa Tiflotecnoloxía, ademais de material didáctico utilizado polo alumnado cego para a súa educación. Serán testemuñas de diferentes demostracións para ver o funcionamento de computadores que falan, entre outras Novas Tecnoloxías adaptadas para as persoas cegas.
O braille, sistema de lectoescritura utilizado polas persoas cegas, tamén será protagonista nestas Xornadas de Portas Abertas do CRE de Pontevedra. Un taller permitirá ao alumnado ver ata 15 máquinas Perkins, (coa que se escribe en braille) que, ademais, poderán manexar seguindo as instrucións do persoal do CRE.
Persoal especializado da ONCE ensinará aos asistentes como guiar a unha persoa cega, durante un taller de Técnica Guía que se realizará na aula de Orientación e Movilidad. Provistos de antefaces, uns representarán o papel de persoa cegas e outros serán os seus guías.
Finalmente, coñecerán o proceso de adaptación de libros braille, polo que se transcriben a este sistema de lectoescritura os libros de texto e diverso material didáctico. Así, poderán ver como o braille abriu ás persoas cegas as portas á educación, a cultura e a información.