Grandes adegas amplían o seu negocio na DO Rías Baixas
Por Oskar Viéitez
A Denominación de Orixe (DO) Rías Baixas está a vivir unha importante actividade económica nas últimas semanas, coa chegada de Alma Carraovejas e a expansión de Granbazán.
No caso de Bodegas Granbazán ata o de agora a adega contaba cun total de 15 hectáreas, despois de que hai uns anos adquirira a leira O Muro, de 5 hectáreas. Na actual fase de expansión incorpóranse 16 hectáreas máis de plantación lindeiras coa súa adega en Tremoedo, en Vilanova de Arousa, o que lle permite contar xa cunha superficie total de 36 hectáreas de Albariño.
A adega, comandada por Pedro Martínez (Adegas Baigorri), conta co enólogo, Diego Ríos, nomeado ‘Enólogo novo do ano en Rías Baixas’.
Por outra banda, Alma Carraovejas afianza a súa aposta en Galicia e dará continuidade a Compañía de Viños Tricó, nesta DO Rías Baixas. Este proxecto vitivinícola iniciouse en 2007 en Condado do Tea por José Antonio López que declarou que "seguirei ata onde poida achegando a miña experiencia e a miña saber facer e confío en que os que chegan continuarán con este espírito".
O equipo técnico de Alma, con Pedro Ruiz Aragoneses á cabeza, xa se puxo ao choio tanto na viña como en adega. Laura Montero que actualmente é a directora técnica de Viña Meín – Emilio Rojo pasará a coordinar tamén Tricó, proxecto que coñece desde hai anos da súa etapa como asesora.
EN ESPAÑA
A nivel nacional, Rías Baixas atópase entre as Denominacións de Orixe mellor situadas, segundo datos da Consultora NielsenIQ no seu informe de setembro de 2023. Os viños de Rías Baixas mostran o seu bo posicionamento no mercado español nas canles de alimentación e HORECA (acrónimo de Hoteis, Restaurantes e Cafeterías), sendo o cuarta D.O. en valor de vendas de viño con Denominación de Orixe. Posición que mellora, ascendendo ao segundo lugar en ambas as canles cando falamos de valor en viño branco con denominación.
MERCADO INTERNACIONAL
Dentro desta estratexia de apostar polo valor e calidade dos viños de Rías Baixas, levada a cabo polo seu Consello Regulador, as exportacións en 2023 mostraron un ascenso en valor dun 2,54% alcanzando os 60.594.125 euros, resultando un prezo medio de 7,78 euros o litro.
Estados Unidos segue ocupando a primeira posición en valor, seguido de Reino Unido, Porto Rico, Irlanda, México, Suecia, Países Baixos (Holanda), República Dominicana, Alemaña e Canadá. Os dez primeiros destinos representan case o 80% do valor das vendas internacionais. O continente americano é o que máis veu desta denominación de orixe galega importa.
Por outra banda, o director xeral de Adegas Martín Códax, Juan Vázquez Gancedo recolleu o recoñecemento como Personaxe do Ano do Sector do Viño 2023, segundo a guía Wine Up! de viños, destilados e vermut 2023, na gala celebrada no Casino de Albacete.