Arranxados 24 quilómetros de pistas nos montes da Lama e Ponte Caldelas para potenciar a defensa contra os lumes
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte, vén de completar unha serie de actuacións para a prevención de incendios forestais nos concellos da Lama e Ponte Caldelas.
As actuacións realizadas consistiron no arranxo de pistas forestais e na limpeza de faixas cortalumes co fin de potenciar a súa operatividade na defensa do territorio contra os incendios forestais.
Concretamente, actuouse sobre 24,07 quilómetros de pistas forestais e en 2,66 quilómetros de cortalumes en montes dos mencionados concellos.
Para poder levar a cabo estes traballos de mellora, e co obxectivo concreto de facilitar o acceso de vehículos, empregouse unha bulldozer.
Seguindo nesta liña, ao longo dos meses de marzo e abril desenvolveranse novas tarefas de prevención que permitirán actuar sobre outros 5,57 quilómetros de montes de Ponte Caldelas, para seguir mellorando as infraestruturas de prevención fronte aos lumes.