A veciñanza de Vilaboa traslada as súas peticións para mellorar na canalización das augas pluviais da A-57
Por Redacción
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, desprazouse este mércores ao tramo da A-57 no termo municipal de Vilaboa, para supervisar, xunto co alcalde, César Poza, e unha representación veciñal as actuacións levadas a cabo para mellorar a rede de tratamento de augas pluviais derivadas das obras deste primeiro tramo da autovía.
Abel Losada explicou que quixo cumprir co compromiso de "pisar o terreo" coa veciñanza para coñecer persoalmente as demandas relativas á optimización das canalizacións e escorrentías co obxecto de evitar o anegamento de propiedades e minimizar molestias innecesarias "porque a maior parte das cousas que nos pediron son moi razoables".
Durante a visita ás obras, na que tamén participou o xefe provincial de Estradas, Pablo Domínguez, o subdelegado incidiu en que "este Goberno é un Goberno que escoita e, polo tanto trataremos sempre de atender as demandas veciñais en proxectos tan complexos como é o da A-57, que discorre pola ladeira do monte da Fracha e debe xestionar adecuadamente toda a auga que baixa". Ademais, atendéronse cuestións relativas á mellora da "mangueira" que leva a auga a algunha fonte, así como reparación de camiños e accesos a fincas afectados polas obras.
VIVENDAS
O subdelegado do Goberno aproveitou a visita para recoller a relación recompilada polo Concello de Vilaboa en relación a danos sufridos en vivendas no verán de 2021 como consecuencia das voaduras para a fase de desmonte. Así, informou de que nos próximos días persoal técnico visitará as vivendas para supervisar os posibles danos e realizar unha valoración e determinar a causalidade.
"Falaron de fendas, tellas ou azulexos rotos e todo iso hai que velo e telo en conta porque á xente tomouse a molestia de apuntarse nunha lista e iso hai que respectalo". En todo caso, engadiu, xa hai algunha resolución xudicial polo que parte desas reclamacións xa se decidiron por esa vía.
A primeira fase da A-57, autovía de circunvalación de Pontevedra, abrangue o tramo entre Vilaboa e o cruce da Ermida, en Pontevedra cunha lonxitude de 6 Km. Está na parte final da súa execución e supuxo un investimento do Goberno de España de preto de 80 millóns de euros.
Relacionadas:
-
Poesía contra a construción da A-57
Por Redacción |
-
Comeza a campaña 'Salva o río Lérez. Stop A-57' para acadar 9.500 euros que freen o tramo A Ermida-Pilarteiros
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O alcalde de Vilaboa supervisa as obras do centro social do Picho, unha das prioridades do Concello
Por Redacción |
-
Vilaboa homenaxea a María Otero Otero, exemplo das mulleres do rural que se incorporaron ao mercado laboral
Por Redacción |
-
Un centenar de persoas pasean polo monte para difundir o patrimonio natural que "arrasará" a autovía A-57
Por Oskar Viéitez |
-
O subdelegado do Goberno reprocha veladamente a Ana Pastor o seu "ton crítico" coa A-57
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O Ministerio anuncia seis meses de cortes de tráfico no enlace de Figueirido
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra pide estudar "alternativas" para que a A-57 sexa "menos lesiva" en Xeve e Bora
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |