Piden penas que suman 86 anos de prisión para cinco persoas acusadas de formar unha rede de narcotraficantes
Por Oskar Viéitez
A sección segunda da Audiencia provincial de Pontevedra sinalou para o martes 18 de febreiro o xuízo contra cinco persoas acusadas de formar unha rede de narcotraficantes para os que a Fiscalía pide penas que suman 86 anos de prisión e 100 millóns de euros de multa.
Os acusados son Alfredo M.G., veciño de Cambados, e José Ramón D.R.D.C., de Vigo, Guillermo T.R. e José Germán D.G., de orixe colombiana e José Manuel C.G., pontevedrés; todos eles "en unión doutros aos cales non se puido identificar", formaban, segundo o fiscal "un grupo organizado cuxa única finalidade era a comisión de delitos contra a saúde pública" e, en particular "a introdución no territorio español de cocaína procedente na súa orixe de Colombia".
Segundo as investigacións levadas a cabo pola Garda Civil, en colaboración co Servizo de Vixilancia Aduaneira e o Greco Galicia de la Policía Nacional, Alfredo M.G. dirixía as actividades, establecendo os contactos e buscando subministradores da droga que "deberían entrar en España a través dalgún dos portos comerciais da provincia de Pontevedra" utilizando para iso colectores de mercadorías.
José Ramón D.R.D.C. achegaba ao grupo a infraestrutura necesaria para facer posible a operación de comercio internacional dende a súa empresa mercantil Vite Desarrollo S.L.. A Fiscalía asegura que José Manuel C.G. encargábase de sacar a cocaína do porto de chegada a España "aproveitando os contactos que este tiña nos portos de Marín e Vigo". Finalmente Guillermo T.R. é considerado como un dos representantes da rama colombiana da organización.
A finalidade era a de "constituír unha vía estable" de envio de droga para a súa entrada en España
Segundo a Fiscalía de Pontevedra "a actividade do grupo non se limitaba a un envío illado de cocaína", senón que a finalidade era a de "constituír unha vía estable" de envio de droga para a súa entrada en España, "aproveitando os contactos establecidos e a infraestrutura creada".
O escrito de acusación recolle que "como consecuencia do acordo" pechado polos procesados, foi cargado na localidade de Santa Marta (Colombia) un colector coa cantidade aproximada de 20 toneladas de plátanos con destino ao porto de Vigo que ocultaban 55,8 quilos de cocaína de gran pureza.
O ministerio Público pide para Alfredo M.G., doce anos de prisión por narcotráfico, seis por dirección de organización criminal e dous por tenza ilícita de armas, ao serlle intervido un revólver do calibre 22, e para José Ramón D.R.D.C.; Guillermo T.R.; José Germán D.G. e José Manuel C.G., solicita unha pena de 16 anos de prisión para cada un polos delitos de narcotráfico e de pertenza a organización criminal.
Ademais a Fiscalía solicita en concepto de multa, para cada un dos acusados, o pagamento de 20 millóns de euros, que corresponden ao cuádruplo do valor de mercado da cantidade de cocaína que foi incautada.
Relacionadas:
-
Condenan a 51 anos cinco narcotraficantes que quería fixar unha vía de envío de cocaína por portos pontevedreses
Por Natalia Puga |
-
Tres acusados de trasladar droga entre plátanos, dispostos a asumir unha pena "muy inferior" á que pide o fiscal
Por Natalia Puga |
-
Negan reunións e conversacións gravadas en teléfonos picados para defenderse dunha acusación de narcotráfico
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |