"Nerviosismo" e actuacións "impulsivas" na cidade ante unha emerxencia desde o incendio mortal de Valencia
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O incendio no que faleceron 10 persoas o pasado 22 de febreiro no complexo residencial de 138 vivendas do barrio valenciano de Campanar cambiou a forma na que os pontevedreses se enfrontan a unha emerxencia. Desde este lume mortal, os servizos de emerxencias notan que a poboación está máis nerviosa ante este tipo de situacións.
"Desde que houbo o de Valencia, en todas as saídas que tivemos hai certo nerviosismo", explicou o xefe do parque municipal de Bombeiros, Vicente Ferrería, tras participar este mércores nun simulacro de incendio no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra.
A preguntas dos medios de comunicación, Ferrería explicou que nos últimos días rexistráronse varios incendios de escasa importancia nos que, con todo, notaron que "a xente está moi nerviosa cando chama".
Ademais, a poboación "actúa de maneira un pouco impulsiva". Ante calquera emerxencia, unha persoa pode actuar quedando na súa casa ou evacuando e, en función do que ocorra, é mellor unha forma de reaccionar ou a outra. Con todo, desde o ocorrido en Valencia, a reacción é abandonar as vivendas, "todo o mundo á rúa".
Ferrería explica que optar pola evacuación ou o confinamento "condiciona o resultado" e moitas veces, se hai un incendio nun edificio, o tiro da escaleira está cheo de fume e, se os veciños evacúan pola súa propia iniciativa, "se cadra aí podemos ter vítimas". Con todo, se os veciños se comportan "dunha maneira normal" e hai un lume nunha vivenda "non necesariamente ten que propagarse ao resto de vivendas". Estes días, con todo, "hai un pouco de nerviosismo" e todos evacúan.
O simulacro realizado no edificio administrativo de Campolongo durou aproximadamente unha hora e media e tiña como obxectivo poñer a proba o plan de autoprotección do edificio, ademais de formar e aos centos de traballadores e traballadoras que cada día acoden ao seu posto de traballo.
O simulacro realizouse nun día laborable nun momento no que había no edifico sobre 500 persoas, 450 funcionarios e funcionarias e cidadáns que acudiron ao edificio para realizar trámites.
Aínda que no edificio traballan 700 persoas, unha boa parte non estaban nas instalacións ás 10.30 horas da mañá cando soou unha alarma de incendios acompañada dunha gravación de audio na que se daban instrucións precisas para que todas as persoas abandonasen o edificio polas escaleiras porque había un incendio na terceira planta. Xa no exterior, o persoal acudiu a un punto de encontro previamente designado para cada planta.
Varios funcionarios participaron como figurantes, simulando estar feridos ou desorientados e tiveron que ser “rescatados” e atendidos polos profesionais.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, valorou o bo resultado deste simulacro e a importancia de "estar preparados e contar cunhas directrices claras para poder actuar da mellor forma posible en caso dunha emerxencia real".
Para facer posible este simulacro, participaron os 7 efectivos de garda do parque de bombeiros e axentes da Policía Local, traballadores do 061 e voluntarios de Protección Civil.
O simularo, o cuarto neste edificio desde a súa inauguración, permitiu probar como se actuaría para apagar o incendio e localizar e rescsatar ás vítimas. Vicente Ferrería valorou que a reacción foi "satisfactoria", aínda que "é certo que hai cuestións que hai que ir mellorando e practicando".