Entra en funcionamento unha canle directa dos Servizos Sociais en Pontevedra
Por Redacción
A partir deste luns 4 de marzo poñerase en marcha desde a concellería de Benestar Social, que xestiona Anabel Gulías, unha canle directa de información xeral para que as persoas que o precisen realicen consultas nos servizos sociais.
Consiste nun programa piloto de información e asesoramento rápido sen necesidade de solicitar cita no departamento de servizos sociais.
O teléfono de información xeral no terreo social é o 986.848.334 e permanecerá operativo entre o luns e o venres en horario de 09.00 a 13.00 horas, salvo en xornadas festivas.
Tamén se establece un correo electrónico para consultas: informacionsocial@pontevedra.eu
Anabel Gulías indica que "este teléfono será un primeiro contacto para pedir información e asesoramento, ou que nos vai permitir optimizar moitísimo ou traballo e camiñar cara a unha mellor atención".
O servizo de información non é para solicitar citas nin abre expedientes de actuación. O traballo previsto é informativo e orientador dos pasos para seguir para solicitar a axuda que precisen as persoas que chamen e, se é necesario,será derivado a unha atención personalizada.
O persoal de Benestar Social afronta a diario casos de dependencia, coidados de maiores, violencia de xénero, inclusión, asistencia de menores e apoio familiar ou axudas de emerxencia, entre outros.
A concelleira sinala que unha vez que se avalíen os datos do contido das chamadas estableceranse mecanismos para mellorar e axilizar o traballo dos servizos que se encargan destas tarefas.
Relacionadas:
-
Poio dispoñerá do seu primeiro circuíto de pump track a través de fondos da Deputación
Por Redacción |
-
Organizan unha xornada formativa centrada nas mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero
Por Redacción |
-
Meses agardando por unha tarxeta de aparcamento para o seu fillo Martín, con 87% de discapacidade: "Só pido un mínimo de empatía"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |