Moverán case 10.000 metros cúbicos de area en Silgar para neutralizar os efectos dos temporais
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo anuncia que no mes de maio moverá un total de 9.580 metros cúbicos de area na praia de Silgar.
A intención é recuperar o perfil orginal deste espazo, despois de comprobar a través dun voo fotogramétrico a cantidade de árido que se desprazou desde a zona este a a oeste debido aos temporais do inverno.
Os operarios traballarán nunha zona da praia de ao redor de 17.000 metros cadrados de superficie.
A acción consistirá en extraer area utilizando retroescavadoras para trasladala ao extremo do areal, á altura da Madama de Silgar, na zona seca.
Naquelas zonas que precisen ser engordadas con árido cargarase o material en dúmpers motovolquete. Unha vez baleirado, a area distribuirase coa axuda dunha pa mixta, segundo informa o goberno local.
Esperarase a maio porque nese mes o árido xa se atopará asentado e as mareas permitirán actuar na praia. Os traballos sairán a concurso cun orzamento próximo aos 100.000 euros. O prazo de execución establecido será de vinte días.
Antes de iniciar as obras vai definirse e acometerase o peche perimetral da praia na contorna das obras, os accesos e as delimitacións exteriores.
O proxecto deixará libres as ramplas de acceso, que agora se atopan cubertas cun metro de altura de area. Para a execución de todos os traballos, o Concello solicitará os permisos a Costas do Estado.
Nos próximos días está previsto que finalicen os traballos para canalizar as subministracións eléctricas que permitirán establecer dez puntos wifi gratuítos na praia de Silgar, ademais de dez cámaras para contar persoas a través de dispositivos móbiles e unha cámara panorámica para ver en directo o estado do areal durante os meses de verán.