O Porto de Vilagarcía aposta pola etiqueta "verde"
Por Redacción
A rede de portos EcoPorts conta xa coa Autoridade Portuaria de Vilagarcía como novo membro desta asociación voluntaria de portos europeos integrada por organismos que comparten unha preocupación común pola sostibilidade e o respecto ao medio.
Esta rede encóntrase xestionada pola Asociación Europea de Portos Marítimos (ESPO) e Vilagarcía converteuse na cuarta autoridade portuaria española en formar parte de Ecoports, despois de Castellón, Valencia e Vigo. Con esta integración, o Porto vilagarciano manitene, segundo os seus responsables, un compromiso que xa iniciara coa consecución da certificación ambiental ISO 14001, que esta entidade recibiu o ano 2012.
EcoPorts é unha organización de portos verdes cuxo obxectivo é facilitar o intercambio de experiencias e coñecementos por parte dos seus distintos integrantes para mellorar a situación do sector no ámbito europeo. O organismo promotor desta rede fundouse en 1993 co obxectivo de conseguir un sector portuario europeo seguro e representantes dos estados membros da Unión Europea e de Noruega forman parte deste colectivo.