Suspéndense as actividades escolares exteriores ante o vento que se agarda para este venres
Por Redacción
A Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender as actividades no exterior das instalacións dos centros educativos de Pontevedra e de case toda Galicia para este venres 14 de febreiro debido aos fortes refachos de vento que se espera que azouten a comunidade a partir da noite deste xoves.
Trátase dunha nova borrasca moi profunda que deixará ventos fortes con refachos superiores aos 100 km/h. nas horas centrais do venres. Este centro de baixas presións provocará un tempo desapracible e agárdanse ceos moi anubrados en xeral con chuvias, máis xeneralizadas e intensas durante a tarde. As temperaturas estarán sen cambios ou en lixeiro ascenso, polo que en xeral os valores continuarán sendo moi suaves, segundo a información facilitada polo servizo de Meteogalicia. Por este motivo, recoméndase a máxima precaución cidadá durante toda a xornada ante a forza do vento. No caso de que as circunstancias de cada concello supuxeran un risco superior e tiveran que facer fronte a unha situación de nivel vermello, os directores dos centros poderán adoptar as decisións oportunas respecto da suspensión da actividade docente.
Durante o sábado 15, os ceos permanecerán parcialmente anubrados con chuvascos con carácter intermitente, pero que no momento en que se produzan serán de intensidade entre moderada e forte.