Seguimento dun 82% na xornada de folga no sector financeiro
Por Redacción
De "histórica" cualifican os sindicatos a xornada de folga, de dúas horas de duración, que se desenvolvía este luns 26 de febreiro no sector financeiro estatal, entre as 08.00 e as 10.00.
Segundo os datos ofrecidos polo sindicato CCOO-Servizos, o seguimento en Galicia alcanzou o 82% co chamamento para participar de 7.600 persoas. En Pontevedra non estaban previstas concentracións do persoal como si se realizaron en Vigo e A Coruña.
A convocatoria efectuada polas centrais sindicais CCOO, UGT e FINE realízase con motivo dos récords en beneficios durante o último ano sen que estas marcas revertan no persoal que traballa na banca, o aforro e as cooperativas de crédito, que empregan a 2.600, 4.800 e 200 persoas en Galicia, segundo as fontes sindicais.
Reclaman aumento de soldo para o persoal, fixar un límite por sectores e por empresa do tipo de xuro dos préstamos, reducir a carga laboral e a presión comercial, ademais de aumentar con persoal adecuado os centros de traballo, que permitan ofrecer un servizo de calidade ás persoas usuarias.
Os sindicatos anuncian que as protestas continuarán intensificándose ata a celebración dun paro de 24 horas, que está previsto para o venres 22 de marzo.