Alumnado de Dirección e Xestión Pública analizará a política de igualdade do Concello de Soutomaior
Por Redacción
No marco da materia de Xestión de Redes Sociais Institucionais que se imparten no Grao en Dirección e Xestión Pública do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo desenvólvese unha iniciativa en colaboración co Concello de Soutomaior para analizar as políticas de igualdade deste municipio e a aplicación práctica no día a día da institución local, tanto no terreo laboral como en materia comunicativa.
Diego Moreira, concelleiro de Persoal e TIC en Soutomaior, xunto a Rosana Martínez, concelleira de Igualdade, mantiñan nas últimas horas unha primeira reunión de traballo con Manuel Pérez, docente da materia, e con parte do alumnado que realizará a análise.
Neste encontro inicial tamén participaron Cristina García, directora do CIM de Soutomaior, e as persoas responsables de comunicación do Concello para ofrecer o seu punto de vista sobre a proposta.
Con esta acción, o Concello de Soutomaior contará cunha visión externa da súa política pública de igualdade de oportunidades. Realizaranse tamén propostas de futuro con especial atención no uso de ferramentas comunicativas e, en especial, das redes sociais.
O proxecto busca a mellora do rendemento institucional nestas políticas de igualdade no Concello.
O alumnado potenciará a súa formación utilizando a óptica do aprendizaxe-servizo cun traballo práctico e permitiralle adquirir novos recursos e metodoloxías.
Diego Moreira explicaba que a colaboración con outras administracións é un dos eixos fundamentais do goberno local.
A intención é que tanto o Concello como o Grao manteñan unha formación continua para seguir aprendendo "e situarnos á vangarda das políticas públicas" a través destas vías de colaboración institucional.